Vigo dá luz verde este venres á aprobación inicial das Zonas de Baixas Emisións
Abel Caballero avanzou que o Concello "non contempla sancións como forma de procedemento nas Zonas de Baixas Emisións"
O alcalde advirte de que pode haber "discriminación social" se só poden acceder ás ZBE condutores de renda alta

A Xunta de Goberno Local de Vigo dará luz verde este venres á aprobación inicial do proxecto de Zonas de Baixas Emisións (ZBE), un proxecto que será sometido a un período de 30 días de exposición pública para a presentación de alegacións.
Segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, paralelamente iniciarase a tramitación da ordenanza para a regulación xurídica e control da xestión deste proxecto.
"Isto é unha decisión que toma a UE, e por tanto, obrigatoria en todas as cidades de Europa", aclarou o rexedor, que tamén avanzou que o Concello "non contempla sancións como forma de procedemento nas Zonas de Baixas Emisións".
Abel Caballero avogou por buscar o "consenso social" para facer entender que as ZBE "son zonas para preservar o medio ambiente, a vida".
En Vigo serán 67 hectáreas na zona centro (a máis ampla, de 400.000 metros cadrados), zona de Praza de Portugal, zona de Bouzas, e zona do Calvario.
"Nós imos aplicar a Zona de Baixas Emisións con sentido común e sen que haxa restricións desproporcionadas. Ten que haber una certa continuidade na utilización para que se vaian establecendo de forma natural", explicou.
"Ten que continuar a actividade con normalidade e despois hai que habilitar cuestións tales como os centros de saúde, os negocios, os veciños da zona e todo isto", afirmou.
O custo de implementar este proxecto é de 5,4 millóns de euros, dos que a metade se financian con fondos europeos.
"Discriminación social"
Abel Caballero insistiu en que o Concello non contempla as multas "como forma coercitiva" e proclamou o seu desacordo coa implantación das ZBE tal como se expón.
"Eu non comparto que vehículos sen emisión poidan entrar e vehículos con emisións non poidan entrar porque iso é discriminación social. Non todo o mundo pode comprarse de súpeto e de golpe un vehículo que teña a etiqueta verde", proclamou.
Para Caballero as ZBE deben expor "unha forma de homoxeneización social para que non só as xentes de renda alta poidan entrar e os de renda baixa non".
"Non comparto ese criterio. Non o comparto. En todo caso, é unha decisión de Europa e nós aplica rémola co sentido común", sentenciou.