Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bombeiros de toda Galicia reclaman en Lugo melloras laborais

Bombeiros de toda Galicia reclaman en Lugo melloras laborais

Traballadores dos distintos dos consorcios públicos contraincendios e de salvamento piden ser recoñecidos como persoal fixo e máis medios materiais e equiparación das condicións respecto a outras comunidades

G24.gal 23/05/2023 14:40

Os bombeiros dos consorcios Contraincendios e de Salvamento de toda Galicia manifestáronse este martes en Lugo para reclamar melloras laborais. Vivíronse momentos de tensión cando os manifestantes intentaron cruzar o cordón policial que impedía o acceso á explanada da Delegación Territorial. Non desbotan ir á folga se Xunta e deputacións non atenden as súas demandas.

Álvaro Negreira, presidente do comité de empresa do Consorcio de Bombeiros de Lugo, di que o que pretenden é "xuntarse todos os bombeiros de Galicia para conseguir unhas condicións laborais dignas para todo o colectivo".

Foron uns 300 bombeiros os que participaron na mobilización, en que houbo momentos de tensión. A súa principal reivindicación é ser recoñecidos como persoal fixo, como pasou en Navarra. Levan 15 meses negociando sen avances.

Ángel Moldes, voceiro da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, di que "ningunha das administracións está disposta a dar o paso salvo que vinculemos a doutrina da sentenza á sinatura dunhas condicións de traballo e salariais indignas da nosa profesión".

Esixen máis medios materiais e equiparación das condicións laborais con outras comunidades. 

Héctor Fernandez, membro do comité de empresa di que "un bombeiro do Consorcio de Lugo está a cobrar 1.200 euros e calquera outro de España cobra 500 máis ao mes. Ademais, di, carecemos de días de asuntos propios, non temos permisos e non estamos regulados". 

Reclaman ás catro deputacións provinciais e á Xunta, que xestionan os consorcios ao 50 por cento, que accedan ás súas peticións e advirten que están barallando convocar unha folga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade