Galicia 2025: Crecemento sólido, auxe do ladrillo e o paro máis baixo da historia, por Santiago Calvo
OPINIÓN
Galicia 2025: Crecemento sólido, auxe do ladrillo e o paro máis baixo da historia, por Santiago Calvo
A economía española mantén o pulso, pero enfróntase a un cambio de ciclo. Segundo o último panel de previsións de Funcas publicado este decembro, España medrará un 2,9 % en 2025, impulsada aínda pola demanda interna e un forte aumento da poboación activa grazas á chegada de traballadores estranxeiros. Con todo, albíscase unha desaceleración para 2026, baixando o ritmo ao 1,9 %, a medida que o "boom" do turismo se modera e o sector exterior perde forza.
O informe debuxa dúas Españas económicas moi diferenciadas. Por un lado, o sur e os arquipélagos, que aínda medran reducindo as súas altas taxas de paro. Polo outro, o norte e o val do Ebro, onde o reto xa non é tanto a falta de traballo, senón a falta de traballadores.
E onde queda Galicia nesta foto?
A economía galega situarase nunha posición sólida pero lixeiramente por debaixo da media estatal. Prevese un crecemento do 2,6 % para 2025 e do 1,8 % para 2026.
O motor principal en Galicia non será tanto a industria ou os servizos, que se comportarán de xeito similar ao resto do país, senón a construción. De feito, somos a rexión onde máis medraron os visados de obra nova, o que anticipa un ano moi dinámico na vivenda.
Pero o dato máis relevante para o futuro de Galicia está no mercado laboral. Funcas prevé que a nosa taxa de paro baixe ata o 8 % en 2025 e toque un mínimo histórico do 7,4 % en 2026. Isto, que a priori é unha excelente noticia, agocha un desafío estrutural: o noso "choque poboacional" é moito máis feble que no Mediterráneo.
A diferenza doutras comunidades que medran incorporando masivamente man de obra, Galicia enfróntase ao seu propio teito demográfico. Co paro en mínimos históricos, o informe advirte de que, se non aumentamos a produtividade e atraemos talento, a falta de persoal podería converterse nun "pescozo de botella" que free o noso crecemento a medio prazo.
En resumo: Galicia vai ben, o ladrillo tira e o paro cae, pero o futuro esixiranos facer máis con menos mans.
Claves económicas da semana
A semana do 8 ao 12 de decembro preséntase a dúas velocidades: mentres festexamos a Inmaculada, nos despachos de Bruxelas e Madrid xógase o partido decisivo para o noso peto en 2026. Estas son as claves:
Haberá reunión dos ministros de Pesca da UE en Bruxelas, prevista para os días 11 e 12 de decembro. Espérase unha negociación difícil para fixar os totais admisibles de capturas (TAC) e as cotas para 2026, cun panorama preocupante para a flota galega debido aos fortes recortes propostos do 70 % na xarda, así como reducións no lirio e no abadexo. Ante esta situación, España busca a alianza de Irlanda para defender unha postura común que esixa que estas rebaixas vaian acompañadas de informes de impacto socioeconómico e xustificación científica, ademais de mostrar firmeza para frear aos estados que fixan cotas unilaterais e garantir así a viabilidade do sector.
Tamén temos dúas citas macroeconómicas. Primeiro, a Reserva Federal dos Estados Unidos reúnese o martes e mércores; o que decidan alí sobre os cartos marcará o camiño ao Banco Central Europeo e, polo tanto, ao noso Euríbor. Segundo, o venres o INE confirmará o dato definitivo do IPC de novembro. Espérase que a inflación se modere ao 2,5 %, un respiro antes das compras de Nadal. Pero verá marcado polos prezos enerxéticos, non tanto polos alimentos.
E, finalmente, no empresarial, Stellantis Vigo segue batendo récords anuais pero con paradas técnicas esta semana para axustar stock. E moito ollo o venres 12 na provincia da Coruña: hai convocada folga no transporte de viaxeiros por estrada. Se tedes que coller o autobús para traballar ou estudar, consultade os servizos mínimos.