Os bombeiros da Coruña saen en caravana para celebrar o día do seu patrón
O desfile percorreu boa parte dos barrios da cidade e fixo parada na Torre de Hércules
En 2025 os bombeiros da Coruña realizaron algo máis de 2.000 intervencións, extinguiron preto de 250 incendios e rescataron 105 persoas. A cidadanía recoñece o seu esforzo e a súa profesionalidade. Demostrouno ao paso do desfile co que os bombeiros celebraron o día do seu patrón.
Non había urxencia nin tensión no parque de bombeiros, pero os efectivos estaban listos e as unidades móbiles, a piques de arrancar motores. Ás dez e media comezaba saír a caravana.
Os bombeiros da Coruña quixeron celebrar o día de San Xoán de Deus barrio a barrio, con toda a cidadanía. A primeira en recibilos, con ledicia e aplausos, foi a veciñanza de Novo Mesoiro.
"Sentímonos queridos. A proba é que hoxe nos chamaron desde moits barrios para preguntar a que hora iamos pasar por alí porque os nenos querían vernos", di Carlos García Touriñán, director da Área de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña.
Despois a caravana pasou por Matogrande, atravesou os Castros e rodeou a fonte de Catro Camiños para avanzar polo centro da cidade. Para deixar constancia gráfica do día escolleron o mellor escenario posible, ao pé do faro romano. Feliz día para todos os bombeiros.