Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os bombardeos israelís suman máis de 29.600 vítimas mortais en Gaza

Os bombardeos israelís suman máis de 29.600 vítimas mortais en Gaza

Nas últimas 24 horas morreron 92 persoas, a maioría mulleres e menores

G24.gal 24/02/2024 10:13

Os ataques israelís na franxa de Gaza dende o inicio da guerra suman 29.606 persoas falecidas e 69.737 feridas, a maioría mulleres e menores. Nas últimas 24 horas, os ataques provocaron 92 vítimas mortais, segundo informa o Ministerio de Sanidade gazatí, controlado polo brazo político de Hamás.

"A ocupación israelí cometeu oito masacres contra familias na franxa de Gaza, o que causou 92 mortos e 123 feridos durante as últimas 24 horas", anunciou nunha nota.

Ademais, lembra que aínda hai vítimas baixo os entullos e tiradas polos camiños, que as forzas hebreas impiden rescatar.

O servizo de emerxencia de Gaza fixo un chamamento á comunidade internacional para que se permita a entrada de alimentos despois de que un dos seus equipos rescatara un bebé que se atopaba severamente malnutrido na rúa xunto á súa nai chorando, por non poder alimentalo.

Tras ser levado ao hospital de Al Shifa, o bebé foi ingresado na unidade de coidados intensivos, segundo o equipo da defensa civil do norte de Gaza.

Os organismos internacionais levan semanas advertindo do empeoramento das condicións humanitarias no enclave palestino e solicitando a Israel que permita a entrada de máis camións e que non ataque as forzas de seguridade gazatís, encargadas de protexer os convois.

Operacións militares

Pola súa banda, o Exército israelí seguiu nas últimas 24 horas coas súas operacións militares no sur de Gaza, especialmente na localidade de Jan Yunis, onde matou un número indeterminado de supostos combatentes de Hamás.

"Durante as intensas actividades en Jan Yunis no último día, morreron numerosos terroristas", asegura un comunicado das forzas armadas hebreas.

Ademais, outros catro supostos "terroristas" morreron nun ataque aéreo e un número indeterminado por disparos de tanques xudeus.

O texto militar tamén indica que o Exército levou a acabo operacións no centro e no norte de Gaza, en concreto na área de Zeitun, onde un dron militar matou varios combatentes que, ao parecer, se preparaban para atacar as tropas israelís cun mísil antitanque.

Así mesmo, nunha área non identificada do centro da franxa, as tropas israelís mataron dúas persoas que "portaban bolsas e un obxecto sospeitoso de ser unha arma" e atopábanse preto de uniformados.

Nestas operacións, os militares incautáronse de rifles AK-47 e cargadores, así como de chalecos e documentos pertencentes a Hamas, segundo o comunicado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade