Os billetes dos trens Avlo poden saír máis caros que os do AVE ou os do avión
Teoricamente os Avlo son trens de baixo custo, pero os prezos oscilan moito segundo a oferta e a demanda
Os Avlo chegaron a Galicia en xullo de 2024. Son convois máis básicos e mellor de prezo, como unha sorte de aeroliña de baixo custo. Pero tamén como as aeroliñas de baixo custo, os prezos dispáranse cando hai máis demanda.
"Depende de se é venres, ou domingo para volver", di unha viaxeira na estación de Santiago. "Hai franxas que son o dobre doutras", di outro. E tamén depende -din- do tipo de tren: o Avlo adoita ir máis barato, pero ás veces pode ser máis caro que o AVE.
Un exemplo: para viaxar a Madrid dende Vigo o venres, despois da clausura da feira Conxemar, teremos que pagar máis de cen euros no Avlo. Porén, se madrugamos, temos un AVE ás 6:00 por 61 euros. Din os viaxeiros que ás veces ata sae máis barato voar.
"Ás veces mirando, comparando, incluso pode ser máis caro o tren que o avión"; "Vin hoxe de Barcelona en avión e saíume máis barato que o tren".
Queda agardar polo efecto que poida ter nos prezos do tren a marcha de Ryanair, que anunciou a suspensión das conexións Santiago-Madrid para o día 26 de outubro.