Os atrasos nas obras do centro de Lugo motivan as queixas de veciños, comerciantes e hostaleiros

Reclaman a reapertura inmediata da Porta Falsa co fin de facilitar o acceso peonil

Félix Aragunde 15/11/2023 13:22

As obras de peonalización da praza de Ferrol, en Lugo, deberían estar finalizadas este mesmo ano, mentres que as da rúa Montevideo teñen de prazo ata febreiro.

Así e todo, o achado de restos arqueolóxicos e as continuas xornadas de chuvia fixeron que se atrasasen os traballos, unha situación que lles está a ocasionar perdas aos negocios do recinto amurallado.

Víctor González, hostaleiro: "Eu o mes pasado perdín case 5.000 euros. É un beneficio que podía ter e que non tiven".

Luís Latorre, presidente da Asociación de Empresarios Lugo Monumental: "Isto é moi prexudicial para moitos negocios. Estamos a falar dunha caída dun 3o0 ou dun 40 por cento da súa facturación. Cantas máis molestias hai, a xente máis se resiste a pasar".

Unha das reivindicacións tanto dos veciños como dos comerciantes e hostaleiros do centro da cidade é que se reabra canto antes a Porta Falsa. Deste xeito, facilitaríase o acceso peonil ao recinto histórico, sen necesidade de ter que dar un rodeo por outras das portas da muralla.

A tal efecto, a plataforma de residentes na zona mantivo unha xuntanza co Concello, onde reclamaron unha serie de axustes nos traballos.

Sole Montes, plataforma veciñal Centro de Lugo: "Pedímoslles que abrisen esa parte, pero din que de momento non poden, por seguridade. Logo, pola porta de San Fernando pasa moitísima xente por unha beirarrúa estreitiña, e por iso pedimos aí máis paso para o peóns".

Luís Latorre, presidente da Asociación de Empresarios Lugo Monumental: "Hai un mes que leva rematada a obra que está diante da Porta Falsa, e non se abre ao tránsito peonil debido a uns últimos remates que faltan. E noutros sitios, coma na rúa Montevideo, si o fixeron". 

Malia os atrasos, dende o Concello sinalan que manteñen o obxectivo de que as obras rematen dentro do prazo estipulado. Ademais, co fin de reducir o tráfico púxose en marcha esta semana un servizo de buses de balde para as familias dos colexios da zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade