Os armadores de Marín alertan dos riscos de que a UE prohiba capturar xurelo ao norte de Fisterra
O xerente dos armadores marinenses, Juan Martín Fragueiro, asume que hai pouco xurelo e que cómpre protexer os caladoiros
Poucos días antes de que se decida en Bruxelas canto peixe poderán pescar os barcos o ano que vén, os armadores de Marín lanzan o aviso de que a frota tería graves dificultades se finalmente non poden capturar xurelo ao norte de Fisterra.
O xerente dos armadores marinenses, Juan Martín Fragueiro, asume que hai pouco xurelo e que cómpre protexer os caladoiros, pero di que non entende por que ao sur de Fisterra os científicos propoñen aumentar os topes "de forma importante", cando os barcos non dan atopado peixe, mentres que ao norte de Fisterra queren prohibir a pesca. Dicíao no Galicia por diante.
"Á diferenza do xurelo do sur de Fisterra, que vai ter un incremento importante, e aí podo dicir que sobra cota, porque está sobrando tódolos anos xa que o xurelo non aparece para estas pesqueiras, pero o da zona VIIIc (ao norte de Fisterra) pode ser moi limitante para a actividade da nosa frota".
Juan Martín tamén insiste en pedirlle ao Goberno que emita certificados abondos para que os palangreiros de superficie poidan vender tanto marraxo como quenlla. Un organismo internacional que regula a pesca, o ICCAT, permite a captura destas quenllas, pero outro ambiental, o CITES, prohibe a comercialización, algo que si quedaría permitido se o Ministerio de Transición Ecolóxica emite certificados excepcionais que acrediten a súa pesca responsable.