Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta pídelle ao Goberno que pelexe para evitar o recorte dos fondos europeos de pesca

A Xunta pídelle ao Goberno que pelexe para evitar o recorte dos fondos europeos de pesca

A conselleira do Mar ve marxe para evitar que se recorten nun 67 % os fondos europeos da pesca no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034

Marta Villaverde fai unha "valoración positiva" do Bono Peixe e anuncia que fará en breve un balance "con datos concretos"

Avoga por apostar pola acuicultura como "sector estratéxico para Galicia" e di que xa supera os volumes da pesca extractiva

G24.gal 08/10/2025 10:40

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, pídelle ao Goberno "que pelexe para defender os intereses de Galicia en Bruxelas" despois de que a Comisión Europea propuxese rebaixar a 2.000 millóns de euros os fondos europeos para pesca, acuicultura e conservación dentro do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

A proposta inicial supón unha rebaixa do 67 % con respecto aos 6.100 millóns de euros do actual período. Non obstante, a conselleira do Mar ve marxe para que Bruxelas dea marcha atrás ou corrixa a proposta inicial de recortar os fondos para a pesca porque "estamos, de momento, nun período inicial no que se fixo esta proposta e aínda queda un longo camiño cara á aprobación dese marco. Un marco que, ao ser un compromiso plurianual, require do acordo unánime dos estados membros".

Neste senso, Marta Villaverde explica que "dado que o Ministerio (de Agricultura, Pesca e Alimentación) ten esa capacidade para negociar, o que lle pedimos ao ministro (Luis Planas) é que pelexe. Galicia é a rexión pesqueira máis importante de Europa".

Afirma que a Xunta de Galicia e o sector se reuniron no Consello Galego de Pesca "a principios de agosto, o 3 de agosto, e decidimos desde Galicia constituír un grupo de traballo no que o sector nomeou seis representantes, e elaborouse un ditame. O ditame foi presentado de novo ao Consello Galego de Pesca e aprobouse por unanimidade do sector marítimo-pesqueiro galego. Ese ditame conclúe que nos opoñemos porque a proposta non se adapta ás necesidades de Galicia e inclúe o que se necesitaría para que a proposta que recibamos da Unión Europea sexa válida". Neste senso, di que a Xunta levará ese ditame aos próximos encontros e grupos de traballo co Ministerio e o resto de comunidades para elaborar unha proposta "para ir á Comisión Europea e buscar unha posición común". 

Marta Villaverde tamén avoga por buscar alianzas con outras rexións pesqueiras europeas. Sinala que "temos que identificar outras rexións, outros países, coas mesmas particularidades ca nós, onde o sector marítimo-pesqueiro sexa importante, e que lle diga á Comisión Europea que esa proposta dun fondo xenérico, onde os fondos para a pesca estean diluídos con outros fondos, que non teña ningunhas particularidades específicas para o sector marítimo-pesqueiro e non haxa unha cantidade suficiente para que o sector poida atender os retos e os desafíos que lle vai impoñer a política pesqueira, é necesario. Hai que buscar eses aliados e negociar eses cambios na proposta recibida".

Bono Peixe

Sobre o Bono Peixe, a conselleira do Mar fai "unha valoración positiva, e estamos satisfeitos da evolución. É unha medida pioneira en España na que o consumidor pode recibir un bono de 50 euros e facilítaselle un desconto dun 25 % na factura do peixe ata un máximo de 5 euros por semana, e coa que garantimos que o consumidor poida acudir dez semanas seguidas á peixería e que se lle rebaixe o custo do produto e que se poida fidelizar. O que estamos recibindo das peixerías é que se está vendendo máis peixe e que hai cada vez máis persoas novas que compran produto". Salienta que "o Bono Peixe era de 2,5 millóns de euros e quedan aproximadamente 60.000 euros por gastar. Estamos moi satisfeitos e, cando estea pechado [o bono], espero facer un balance en breve para ter datos concretos e ver o perfil dese usuario".

Marta Villaverde non descarta repetir a iniciativa con outras convocatorias. "Agás que o Goberno central nos dea a sorpresa de que baixa o IVE [do peixe], valorariamos repetir esa iniciativa, se se confirma que funciona, pero antes teremos que facer un balance e ter os datos concretos", aclara.

Acuicultura

Esta semana foron ao Consello da Xunta axudas por valor de case 60 millóns de euros en acuicultura a tres proxectos: unha primeira planta de cría de salmón en Galicia e dous criadeiros de linguado en Cervo e Cambados. A conselleira do Mar indica que "a acuicultura xa supera os volumes da pesca extractiva, segundo un informe da FAO. Son dúas actividades complementarias, que achegan unha proteína de gran valor biolóxico. O ano pasado fixemos unha clara aposta pola acuicultura e sacouse unha liña de axudas por 64 millóns de euros, que esta semana resolvemos coa aprobación de 206 expedientes".

Marta Villaverde afirma que "a planta de salmón [en Burela] vaise implantar por primeira vez en Galicia. Os outros dous criadeiros son ampliacións doutros xa existentes en Cervo e Cambados. Son axudas importantes. A de salmón son 25 millóns de euros. A de Cervo, 13,3 millóns; e a de Cambados, case 5 millóns de euros. É unha aposta importante por un sector estratéxico para Galicia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade