Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os agricultores manteñen as protestas despois do plan anunciado polo Goberno

Os agricultores manteñen as protestas despois do plan anunciado polo Goberno

Os agricultores din que as 18 medidas propostas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación son un avance pero non suficientes

En Galicia, o día 20 haberá concentracións e tractoradas en once puntos da comunidade autónoma 

A Xunta reclama unha moratoria da lexislación vixente en defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos

Protesta dos agricultores esta noite polas rúas de Pamplona
G24.gal 16/02/2024 10:11

Por undécimo día consecutivo e malia os compromisos adoptados onte polo Goberno, os agricultores e gandeiros continúan as súas protestas en diferentes puntos de España pola crise do campo. 

En Valencia tiraron toneladas de laranxas para denunciar os prezos baixos. En Alacant tentaron pechar autoestradas, pero as forzas de seguridade impedírono porque non solicitaran permiso. Fixeron, iso si, marchas lentas e tractoradas en centros loxísticos. En Aragón e Castela-A Mancha si levaron a cabo cortes na circulación, deixando un dos carrís libres e levantando os piquetes intermitentemente. En Pamplona, os tractores ocuparon rúas da cidade mentres unha delegación de agricultores presentaba as súas reclamacións ao Goberno foral. 

Mobilizacións en Galicia o día 20

En Galicia, as organizacións agrarias manteñen as mobilizacións anunciadas para o vindeiro martes, 20 de febreiro. Haberá concentracións e tractoradas en once puntos da comunidade autónoma galega.

Na provincia da Coruña serán en: A Coruña, Santiago, Ortigueira e Vimianzo. Na provincia de Lugo, as mobilizacións realizaranse na propia cidade, en Ribadeo e en Pedrafita; en Ourense, os puntos escollidos son dous: A Gudiña e Ourense cidade; e en Pontevedra,  as protestas terán Lalín como epicentro.

As mobilizacións comezarán ás doce do mediodía e prolongaranse ata as cinco da tarde, tal e como   apuntaron, en rolda de prensa, o secretario de Coordinación Sectorial de Unións Agrarias, Félix Porto; o responsable da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), Francisco Bello, e Ana Rodríguez, representante do Sindicato Labrego Galego (SLG). Insisten en que o obxectivo é demandar que se cumpra a lei de cadea alimentaria co obxectivo de garantir "prezos xustos". Por iso reclaman unha "negociación real" no sector e apelan "a todos, sen exclusión" a sumarse ás protestas.

Un plan con 18 medidas 

Os agricultores manteñen que o plan anunciado polo Goberno é un "avance", pero din que as medidas non son suficientes para aparcar as súas mobilizacións. Moitas das medidas que lle propón o ministro ao sector terá que negocialas en Bruxelas.

Luis Planas defendeu este plan como un "paso adiante" para liquidar o malestar do campo e criticou os movementos que buscan "armar lea" antes das eleccións europeas. Así o expresou o ministro este venres durante unha entrevista en Radio Nacional España (RNE), en que repasou as 18 medidas presentadas polo Ministerio.

Son sete bloques en que se inclúen accións sobre a Lei da cadea alimentaria, a simplificación da Política Agrícola Común (PAC), cuestións comerciais, de seguros agrarios, sobre o gasóleo profesional, incorporación de mozas ao campo e mesmo sobre o foro da gandería extensiva.  

Moratoria da lexislación vixente

A Xunta pídelle ao ministro de Agricultura que defenda os intereses dos agricultores e gandeiros galegos no próximo Consello de Ministros que se celebrará en 10 días en Bruxelas. Reclaman unha moratoria para toda a lexislación que aumenta a burocracia nas explotacións e que se esixan os mesmos requirimentos aos produtos que veñan de terceiros países. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, criticou que as medidas anunciadas polo ministro de Agricultura, "chegan tarde" e son "contraditorias, vagas e completamente insuficientes".

González empraza a Planas a que España traslade a Europa que "se vai negar a asinar tratados internacionais sen cláusulas espello que impoñan aos produtos agrogranadeiros que veñen deses terceiros países os mesmos requirimentos que impoñen a produtores galegos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade