Orio e Arraun aplastan os seus rivais no Campionato de España en Moaña
A única medalla nos absolutos foi a de Perillo que logrou o bronce na categoría feminina
Disputouse este domingo en Moaña o campionato de España de traiñeiras con podio vasco na categoría masculina. Dominio de Orio cun tempo de 19:53. Segunda foi Donostiarra, Ziérbena entrou no terceiro posto con suspense porque a piques estivo de ser descualificada e Cabo da Cruz rematou na cuarta posición como a mellor galega. Na quenda de consolación, coas catro traiñeiras galegas, o triunfo foi para Ares que remata na quinta praza.
Na categoría feminina, tamén dominio das vascas. Arraun Lagunak repetiu título por terceiro ano consecutivo. Acabou por diante de Astillero, o outro equipo da ACT que se achegou a Moaña. Perillo impúxose a Tirán na loita polo bronce por só 27 centésimas. Foi un bo ensaio antes do comezo da Liga Galega de Traiñeiras e da Liga Euskolábel dentro de quince días. Como todos os anos, estaremos moi pendentes na G2.