Organizan un festival de campás en Esgos para atraer novas vocacións
Dez campaneiros da contorna fixeron unha exhibición das súas habilidades na igrexa parroquial
A cabalo entre un instrumento musical e un medio de comunicación, as campás empregáronse ao longo da historia como códigos para os veciños das aldeas
A expectación non podía ser maior na igrexa parroquial de Esgos. Tras a misa do domingo, tocou festival de campás.
Manuel Rodríguez, campaneiro de Quins, en Melón: "Moi bonito, moi bonito. Eu veño de 40 ou 50 quilómetros de distancia".
Trátase dunha iniciativa do concello para buscar remuda xeneracional a unha tradición que foi desaparecendo coas novas tecnoloxías da comunicación.
Julio Fidalgo, campaneiro: "Era o whatsapp antigo, o teléfono antigo, onde se transmitía a chamada ao cura, ao sacristán, a unción de enfermos..."
Dez campaneiros, daquí e doutras parroquias da provincia, sumáronse a esta convocatoria que os fixo viaxar no tempo.
Pedro Álvarez, campaneiro: "Para min é emocionante porque facíao cando tiña doce ou catorce anos".
O acceso non é fácil. Para chegar ao campanario hai que subir empinadas escadas e a maioría dos campaneiros xa teñen unha idade. Mentres uns tocan, outros agardan e valoran.
Pío Pablo Pérez, campaneiro: "Toco a defunto, á misa, repenico cando é a festa..."
E tras as campás, desde o adro da igrexa, resoan os aplausos. "Recordo todos estes toques de cando era neno, con nostalxia e con emoción". "Estabamos agora falando de facelo internacional, en plan broma", comentan dous veciños.
Todo un festival que se repetirá noutras parroquias, á procura de novos talentos.