Oliver Laxe sacode Cannes e estremece os espectadores con 'Sirat'
O cineasta franco-galego opta á Palma de Ouro con esta arriscada película onde mira de fronte a morte nunha 'rave' polo deserto de Marrocos
"A sección oficial é na que queremos estar todos os autores; significa que a película se vai ver e distribuír por todo o mundo, e eu como galego estou moi contento", asegurou Laxe
Con un sonoro aplauso que se prolongou durante varios minutos foi acollido no festival de Cannes o último traballo de Oliver Laxe. Esa 'rave' no deserto de Marrocos onde o cineasta francogalego fai transitar o espectador por un océano de dor atravesando sen piedade o espectador.
A película revolveu nos seus asentos o público deste festival, que recibiu de novo cos brazos abertos a este cineasta que foi galardoado co Premio Fipresci de Cannes con Todos vós sodes capitáns en 2010; co Premio da Semana da Crítica con Mimosas en 2016 e co do Xurado en 2019 con O que arde.
Agora, Laxe pisa a alfombra vermella e faino pola porta grande, competindo na sección oficial con esta fita en que un pai (Sergi López) busca polo deserto de Marrocos a súa filla, desaparecida tras unha 'rave'. Unha aventura chea de riscos e ameazas que lle confiren a historia un ritmo frenético e que non deixa a ninguén indiferente.
"A sección oficial é na que queremos estar todos os autores, todos os cineastas do mundo. É un privilexio; significa que a película se vai ver e distribuír por todo o mundo -asegurou nunha entrevista concedida á TVG-; e eu como galego estou moi contento".
Sirat competirá con outros dezaoito traballos á Palma de Ouro en Cannes. España só conseguiu o máximo galardón en 1961 con Viridiana, de Luis Buñuel.