Oleksandr Kovliar, dúbida para o partido en Xirona
O base letón Janis Strelnieks e o seu compatriota Janis Timm, listos para xogar
O base internacional ucraíno Oleksandr Kovliar é dúbida para o partido que este domingo disputará o Monbus Obradoiro na pista do Bàsquet Xirona por mor de proceso vírico.
“Temos que esperar á súa evolución, pero o certo é que esta semana non foi positiva porque non puido adestrar co grupo”, explicou o técnico do equipo galego, Moncho Fernández.
Kovliar regresou a Santiago tras brillar no dobre compromiso que disputou coa súa selección da fase de clasificación para o EuroBasket 2025. Ante Eslovenia, o base obradoirista exhibiuse en ataque con 23 puntos e 8 asistencias nos 37 minutos que estivo en pista. Fronte a Portugal, Kovliar asinou 17 puntos, 10 asistencias e dous rebotes, para unha valoración de 19 créditos, nos 37 minutos que disputou.
Uns números que están lonxe dos que asinou coa camiseta do Obradoiro nos 12 partidos que xogou na liga Endesa (6,2 puntos e 1,9 asistencias en 16:06 minutos de media por encontro).
No partido desta fin de semana, Moncho Fernández xa poderá contar cos últimos dous reforzos invernais, o base letón Janis Strelnieks e o seu compatriota Janis Timma.
“O que temos que facer os adestradores é aproveitarnos do seu coñecemento e a súa experiencia. Iso fará que a súa adaptación sexa moito máis fácil porque son xogadores con moita experiencia nas súas pernas”, afirmou o técnico santiagués.
Tamén confirmou que Strelnieks xa está totalmente recuperado da rotura do tendón de Aquiles que sufriu a pasada tempada.