Publicador de contidos

Publicador de contidos

Oito mil arxentinos que viven en Galicia, Asturias, León e Zamora exercen o voto no consulado de Vigo

Oito mil arxentinos que viven en Galicia, Asturias, León e Zamora exercen o voto no consulado de Vigo

Só están incluídos no censo de votantes no exterior os que teñan no seu DNI o domicilio en España

Votar é obrigatorio na Arxentina, pero non para os que viven fóra, feito que, unido á necesidade de desprazarse, incide na baixa participación

Ata as seis da tarde están abertas as urnas no consulado vigués

G24.gal 26/10/2025 14:42

Ás oito da mañá abriron as catro mesas electorais habilitadas no consulado xeral da República Arxentina en Vigo, situada na rúa López de Neira, nun edificio que fai esquina coa rúa Príncipe. Ata aquí deben desprazarse os case oito mil votantes residentes en Galicia, Asturias, León e Zamora.

"Eu veño de Ponferrada, e acudo para cumprir coa miña obriga. Aproveito para pasar uns días en Vigo", comenta un elector residente no Bierzo.

"Nós vivimos dende hai cinco anos en Vigo e é a primeira vez que votamos", di unha moza que acudiu coa súa parella ao consulado.

A cifra estimada de arxentinos que viven en Galicia rolda os corenta mil, pero só están incluídos no censo do exterior os que o domicilio que lles figure no DNI sexa en España, porque se non fixeron o cambio, non poden votar. 

"Aínda teño domicilio fiscal na Arxentina e no meu DNI consta o enderezo de alá, así que non puiden votar, e dáme moita mágoa", láiase un cidadán arxentino residente en León que se desprazou a Vigo, pero non puido depositar o voto por non figurar no censo.

O voto é obrigatorio na Arxentina, pero non para os residentes fóra, unha circunstancia, ademais do desprazamento, que incide na participación.

"A participación adoita ser moi baixa, non veñen todos os que poden, por distancia e porque o voto é optativo. Nos últimos comicios a participación foi de apenas o 5%", sinala Silvina Montenegro, consulesa xeral da República Arxentina en Vigo dende hai dous anos.

A renovación da metade do Congreso e dun terzo do Senado pode implicar cambios na gobernanza que moitos ven como un aliciente para depositar a papeleta.

"Estamos, creo eu, nun proceso de cambio, por iso é importante votar. Eu sigo moito a política arxentina", di un mozo residente en Vigo que hoxe acudiu a votar.

"Sempre coa esperanza de que, aínda que non sei que será da miña vida, se algún día volverei, quero que o país saia adiante. E voto sobre todo pola democracia", asegura unha muller.

Esta muller asegura que fuxiu hai vinte e cinco anos do país suramericano pola elevada inflación e desde entón reside en Vigo.

Ata as seis da tarde están abertas as urnas no consulado vigués.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade