Publicador de contidos

Publicador de contidos

José Antonio Kast gaña por ampla marxe as presidenciais de Chile

José Antonio Kast gaña por ampla marxe as presidenciais de Chile

A esquerdista Jara admite a súa derrota fronte a Kast, que é o primeiro pinochetista en chegar á Moneda en democracia

O fundador do Partido Republicano gañou nas 16 rexións do país, incluídos bastións de esquerda

 

O republicano José Antonio Kast sucederá a Boric na presidencia de Chile (Reuters)
G24.gal 14/12/2025 23:43 Última actualización 15/12/2025 10:08

José Antonio Kast gañou este domingo con contundencia a segunda volta das eleccións presidenciais en Chile e converteuse no primeiro defensor da ditadura de Augusto Pinochet (1973-1989) en alcanzar o poder tras o retorno da democracia ao país andino.

O ultraliberal concitou o 58,1 % dos votos, fronte ao 41,8 % da candidata da coalición de centro-esquerda, Jannette Jara, nun proceso con sufraxio obrigatorio por primeira vez nunhas presidenciais, en que o voto branco e nulo se multiplicou respecto á primeira volta.

No seu primeiro discurso como presidente electo, Kast apelou á unidade do país, prometeu gobernar para todos os chilenos, agradeceu o apoio do ultradereitista libertario Johannes Kaiser, á dereita tradicional e á súa líder Evelyn Mzathei, e valorou a coraxe da súa rival, para a que pediu respecto a pesar das diferenzas.

Igualmente repetiu as súas políticas represivas para conter a migración irregular e a violencia, pero temperou o ton e, sobre todo, rebaixou as expectativas que alimentou durante a campaña ao pedir paciencia porque os cambios non se poden facer en pouco tempo.

O fundador do Partido Republicano gañou nas 16 rexións do país, incluídos bastións de esquerda como Valparaíso e a Rexión Metropolitana, que alberga a capital, e arrasou nas zonas mineiras do norte e as agrícolas do sur.

"Hai uns minutos recibimos a chamada de Jara", dixo Arturo Squella, man dereita de Kast e presidente do Partido Republicano.

"Sentímonos moi orgullosos do traballo realizado, moi responsables deste tremendo sacrificio de facérmonos cargo das crises polas que atravesa Chile", agregou Squella.

É a segunda vitoria máis ampla desde o retorno á democracia, despois do triunfo por 24,3 puntos da expresidenta progresista Michelle Bachelet sobre a conservadora Evelyn Matthei en 2013.

Kast, que fixo campaña a favor da continuidade de Pinochet no plebiscito de 1988, é o primeiro e único dereitista en chegar ao poder ata o de agora, desde o retorno á democracia. O falecido Sebastián Piñera (2010-2014 e 2018-2022) votou en contra da permanencia do ditador.

Pai de nove fillos e fervente católico, Kast recibirá a banda presidencial o 11 de marzo en mans do progresista Gabriel Boric, o seu adversario nas eleccións de 2021 e contra o que perdeu por ampla marxe hai catro anos.

Desde 2006, o poder alternouse entre esquerda e dereita e ningún presidente lle entregou a banda presidencial a un sucesor do mesmo signo político.

A campaña monotemática sobre delincuencia e migración

Kast prometeu a expulsión masiva de migrantes, tipificar a migración como un delito ou a construción de cárceres de máxima seguridade con illamento total para líderes do narcotráfico. 

A campaña virou case de maneira monotemática arredor do aumento da delincuencia e a migración irregular, a pesar de que Chile segue sendo un dos países máis seguros do continente, cunha taxa de homicidios de 6 por cada 100.000 habitantes.

Con todo, terá que lidar cun Lexislativo sen forzas maioritarias, onde o bloque de dereita e ultradereita está a dous deputados da maioría no Congreso (76 de 155) e empatado coa esquerda no Senado.

Oposición construtiva

A candidata do centroesquerda, a comunista Jeannette Jara, prometeu seguir loitando e traballando para defender os avances progresistas e de dereitos que gañaron os chilenos nos últimos anos e prometeu facer unha oposición propositiva e esixente.

"Seremos firmes en protexer o logrado", subliñou a candidata, que instou os partidos da ampla, heteroxénea e histórica coalición que a elixiu en primarias a manteren a unidade para facer fronte ao desafío da ultradereita.

"Seguiremos xuntos e de pé, como sempre o fixemos", dixo Jara, quen chamou ao seu rival para admitir o seu triunfo, como fixo o propio presidente da República, o progresista Gabriel Boric, que prometeu entregarlle un país en marcha a través dunha transición ordenada que arrincará este luns cunha reunión entre ambos no Palacio da Moneda.

Sánchez e Feijóo felicitan a Kast pola súa vitoria en Chile

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, felicitaron este luns o ultradereitista José Antonio Kast polo seu triunfo nas eleccións presidenciais de Chile.

"Felicito a José Antonio Kast pola súa vitoria nas eleccións e ao pobo chileno por unha xornada electoral exemplar", escribiu Sánchez nunha mensaxe na rede social X.

O xefe do Executivo destacou que Chile é un país querido polos españois e un socio estratéxico para Europa co que, asegura, seguirá traballando e profundando na súa relación.

Un compromiso que reitera o Ministerio de Asuntos Exteriores nun comunicado no que felicita a Kast e expresa a vontade do Executivo de traballar de forma estreita co seu Goberno para seguir fortalecendo a amizade de ambos os dous pobos e a relación estratéxica dos dous países en beneficio dos seus cidadáns e da prosperidade do espazo iberoamericano.

O presidente do PP deu tamén en X os parabéns a Kast pola súa "abafadora" vitoria e resaltou que "os chilenos elixiron liberdade".

América do Sur vira cara á extrema dereita

Nada máis coñecerse a noticia, Kast recibiu un aluvión de felicitacións de líderes da ultradereita internacional, alegres por un triunfo en Chile que agudiza o xiro de América do Sur cara á extrema dereita, en liña cos postulados do presidente dos EUA Donald Trump.

En nome da Casa Branca, o secretario de Estado Marco Rubio opinou que baixo o seu liderado Chile impulsará prioridades compartidas, como o fortalecemento da seguridade pública, o control da inmigración ilegal e a revitalización da relación comercial bilateral, e expresou a súa disposición para traballar estreitamente co futuro Executivo chileno.

Máis efusivo foi o presidente arxentino Javier Milei, con quen Kast dixo compartir soños, quen expresou a súa enorme alegría pola vitoria do seu amigo, con quen prometeu traballar para que América abrace as ideas da liberdade.

Tamén expresaron o seu desexo de colaborar e estreitar lazos os presidentes de Ecuador Daniel Noboa, de Bolivia Rodrigo Paz, de Paraguai Santiago Peña e de Costa Rica Rodrigo Chaves.

Máis institucional, o presidente brasileiro, o progresista Luiz Inácio Lula da Silva, destacou a transparencia e a orde do proceso electoral, desexoulle moito éxito no seu futuro mandato e reafirmou o compromiso do Brasil de fortalecer as relacións bilaterais e os lazos económicos e comerciais, e de preservar América do Sur como unha zona de paz.

A nota discordante púxoa o presidente de Colombia Gustavo Petro, quen advertiu que en América veñen os ventos da morte e chamou os países da antiga Gran Colombia a resistiren coa espada de Bolívar no alto.

Desde Europa, un dos primeiros en felicitar a Kast foi o líder do partido español Vox Santiago Abascal, quen comparte cadeira na Conferencia Política de Acción Conservadora, que desde os Estados Unidos vincula partidos de extrema dereita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade