Eleccións en Aragón: debate a oito
O debate de Aragón TV cos oito cabezas de lista das formacións con representación nas Cortes de Aragón poderá seguirse a partir das 21:50 horas en G24.gal
Palacio de Aljafería, sede das Cortes de Aragón
Unha semana despois do cara a cara entre Jorge Azcón e Pilar Alegría, o estudio electoral de Aragón TV cambiará este luns a mesa en forma de V por oito atrís nos que confrontarán as súas propostas os candidatos que encabezan as listas das formacións con representación nas Cortes de Aragón.
Confirmaron a súa participación Jorge Azcón (PP), Pilar Alegría (PSOE), Alejandro Nolasco (VOX), Jorge Pueyo (CHA), Tomás Guitarte (Coalición Existe), María Goikoetxea (Podemos-Alianza Verde), Marta Abengochea (Izquierda Unida-Movimiento Sumar) e Alberto Izquierdo (PAR).
O debate emitirase ás 21:50 horas, cunha duración de 96 minutos, e estará moderado pola xornalista Ana Laiglesia.
O debate comezará cunha intervención inicial dun minuto por candidato, seguida por catro grandes bloques temáticos dedicados a economía e emprego, políticas sociais e igualdade, Aragón en España e o Aragón do futuro. O programa concluirá cun minuto de ouro final de peche para cada candidato, no que poderán dirixirse directamente aos cidadáns.
O acordo de organización establece tamén normas comúns para todos os participantes, como a prohibición de mensaxes ou símbolos na vestimenta, o uso exclusivo de documentación en papel e a ausencia de dispositivos de comunicación co exterior.