2026, ano de eleccións autonómicas
Aragón votará en febreiro, Castela e Léon en marzo e Andalucía en xuño
O lehendakari Pradales advírtelle ao Goberno: "Esgótase a paciencia"
Arranca o ano e os presupostos xerais do 2023 prorróganse por terceira vez mentres o Goberno traballa nunhas contas novas. Nunha entrevista na Cadena Ser, o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, asegurou que o executivo central é capaz de desenvolver "a axenda de investimentos e de reformas neste contexto de prórroga presupostaria".
Aínda así, o titular de Economía insistiu en que farán o esforzo de levar un novo proxecto de contas públicas ao Congreso. Pero alí vano ter difícil, porque Junts retiroulle o apoio e o resto de socios tamén está descontento. Na súa mensaxe de fin de ano, o lehendakari Imanol Pradales advertiu que "a paciencia esgótase".
Fronte o goberno central, o presidente popular de Andalucía saca peito e presume de estabilidade. "Aquí non é necesario adiantar as eleccións", dixo Juan Manuel Moreno Bonilla.
Tocan en xuño e en Castela e León, votarán en marzo. Para o presidente Alfonso Fernández Mañueco, a convocatoria "esixirá a todos altura de miras e serenidade".
Si as adiantou o presidente de Aragón, para o 8 de febreiro. Para Jorge Azcón, "chega un 2026 cargado de ilusión, de prosperidade".
Xa votaron en Estremadura, onde a presidenta en funcións tenta agora conseguir o apoio de Vox para a súa investidura. Lanzoulle unha picada na súa mensaxe de fin de ano. María Guardiola pediu "fixarse no que nos une e aparcar o que nos diferenza".
Tamén houbo indirectas na mensaxe do presidente socialista de Castela-A Mancha. Emiliano García-Page pediulle aos cidadáns que "non lle sigan o xogo aos que buscan o enfrontamento para esconder as súas miserias". Hai quen ven nestas palabras unha crítica ao líder do seu partido, a Pedro Sánchez.