Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel bombardea o sur do Líbano e inicia ataques a grande escala contra Teherán

Israel bombardea o sur do Líbano e inicia ataques a grande escala contra Teherán

Segundo a Axencia de Noticias de Activistas de Dereitos Humanos (HRANA), polo menos 1.097 civís morreron en Irán desde o inicio da guerra, incluídos 181 nenos menores de 10 anos

Israel volve atacar o aeroporto internacional Mehrabad de Teherán

A cidade histórica de Tiro, Patrimonio da Humanidade da Unesco, está incluída na área dos bombardeos no Líbano

DIRECTO: Fronteira de Israel co Líbano (Reuters)/Imaxe: Exército de Israel ao norte do país, na fronteira co Líbano (Reuters)
G24.gal 04/03/2026 09:43 Última actualización 04/03/2026 14:29

A Forza Aérea Israelí volveu atacar este mércores o Aeroporto Internacional de Mehrabad, localizado en Teherán, co obxectivo de desmantelar "os sistemas de defensa e detección do réxime", segundo un comunicado castrense.

"Durante a décima onda de ataques (...) avións de combate atacaron a infraestrutura do aeroporto de Mehrabad", detalla o texto, sobre un aeródromo que se usa para voos nacionais e diplomáticos.

Xa este martes Israel atacara este aeroporto, ademais do da cidade de Bushehr, no que foi destruído un avión, segundo informou Press TV e o Aeroporto de Payam en Karaj, cidade situada a 50 quilómetros ao oeste de Teherán.

Os ataques deste mércores enmárcanse na décima onda de bombardeos israelís contra a capital iraniana co obxectivo de debilitar o réxime da República Islámica, no quinto día de ofensiva xunto aos EUA e dentro dunha vaga de ataques a grande escala contra Teherán.

Segundo medios, unha forte explosión tivo lugar na zona leste de Teherán, mentres que EFE constatou o zunido de cazas israelís sobrevoando o ceo.

Unhas tres horas antes, Israel xa bombardeara este mércores decenas de presuntos centros de mando da Garda Revolucionaria, da Seguridade Interna e da forza paramilitar Basij en Teherán.

Segundo a Axencia de Noticias de Activistas de Dereitos Humanos (HRANA), con sede nos Estados Unidos, polo menos 1.097 civís morreron en Irán desde o inicio da guerra, incluídos 181 nenos menores de 10 anos.

A Media Lúa Vermella Iraniana elevou onte martes a 787 a cifra de mortos, e aínda non a actualizou.

O Exército israelí di que realizou unhas 1.600 incursións aéreas e lanzou 4.000 municións no últimos catro días de ofensiva a Irán, máis que as que lanzou na chamada guerra dos doce días de xuño de 2025, informou onte o portavoz militar, tenente coronel Nadav Shoshani, nunha conferencia con prensa internacional. 

Israel bombardea o sur do Líbano

Israel bombardeou este mércores o sur do Líbano no marco da actual escalada contra o grupo xiíta Hezbollah, poucas horas despois de ordenar aos seus habitantes que se despracen ao norte do río Litani.

"As Forzas de Defensa de Israel iniciaron unha onda de ataques na zona sur do Líbano", recolle un comunicado publicado polo Exército israelí, que non detalla os obxectivos específicos dos seus bombardeos.

Os bombardeos sucédense ao lanzamento por parte de Hezbollah de cinco mísiles dirixidos á área metropolitana de Tel Aviv, cuxa maioría, informou o Exercito israelí, "foi neutralizada" no aire polo sistema de defensa antiaéreo israelí antes de que chegasen a impactar.

A orde de evacuación inclúe a histórica cidade libanesa de Tiro, con arredor de 200.000 habitantes e Patrimonio da Humanidade da Unesco.

A área urbana de Tiro inclúe unha poboación de 201.000 habitantes segundo datos de 2017 da oficina da ONU para os asentamentos humanos, que inclúe un gran número de refuxiados palestinos e sirios.

"Os residentes do sur do Líbano deben dirixirse de inmediato ao norte do río Litani. Para garantir a súa seguridade, deben evacuar os seus fogares inmediatamente e trasladarse ao norte, máis aló do río", advertiu nas súas canles o portavoz castrense en lingua árabe, Avichay Adraee.

"Calquera movemento cara ao sur podería poñer en risco as súas vidas", agregou o militar.

O Exército ordenou a evacuación dos habitantes desta zona, que comprende partes das gobernacións libanesas do Sur e de Nabatieh, antes de novos ataques contra vivendas presuntamente usadas por Hezbollah ou edificios próximos a "instalacións ou medios de combate".

O río Litani marca o perímetro de despregamento dos casos azuis, situados entre esta barreira natural e o norte da Liña Azul; a divisoria non oficial deste país con Israel e os Altos do Golán sirios ocupados á que se retiraron as tropas israelís no ano 2000, poñendo fin a unha ocupación de 18 anos do sur do Líbano.

Israel leva varios días ordenando a evacuación de máis de 100 vilas e cidades do sur do Líbano, e este mércores fíxoo tamén de edificios situados en barrios do sur de Beirut, antes de bombardear a capital.

O Exército israelí xa mantiña posicións militares no sur de Líbano, incumprindo a retirada estipulada no alto o fogo de finais de 2024, pero este martes anunciou unha crecente invasión terrestre do país veciño, con forzas penetrando noutros puntos meridionais.

Os cascos azuis denunciaron a incursión de tropas israelís preto dos municipios de Merkaba, Al Adeisse, Kfar Kila e Ramyah “antes de regresar ao sur da Liña Azul", a fronteira de facto entre ambos os dous países, dixo a misión nun comunicado.

Ademais, a misión anunciou que, nos últimos dous días, contabilizou polo menos 84 violacións do espazo aéreo e "centos" de casos de lume cruzado a través da divisoria.

Segundo o ministro israelí de Defensa, Israel Katz, o obxectivo da nova incursión é “previr ataques contra as comunidades fronteirizas” do país -que o exército asegura non van ser evacuadas- como os que lanzou Hezbollah o luns, sumándose á guerra en Oriente Próximo que está a desestabilizar o Golfo.

Ademais, polo menos seis persoas morreron e quince resultaron feridas nun bombardeo israelí contra un edificio residencial en Baalbek, no leste do Líbano, segundo informou este mércores a Defensa Civil.

O director da Dirección de Defensa Civil na Bekaa, afiliada á Autoridade Sanitaria Islámica, Baqir Abu Diya, citado pola Axencia Nacional de Noticias (ANN) libanesa, asegurou que xa son seis os mortos e que hai dúas persoas desaparecidas, mentres seguen os traballos de procura entre os entullos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade