Publicador de contidos

Publicador de contidos

Díaz-Canel confirma que Cuba non recibe combustible desde decembro

Díaz-Canel confirma que Cuba non recibe combustible desde decembro

Ademais da operación militar en Venezuela, Trump incrementou o bloqueo ameazando con aranceis os países que subministrasen petróleo á Habana

Díaz-Canel di que Cuba está disposta a un diálogo cos Estados Unidos

O presidente fixo o anuncio nunha inusual comparecencia televisada
G24.gal 05/02/2026 19:02

O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, anunciou este xoves que a illa non recibiu combustible do exterior desde o pasado decembro debido ás presións dos Estados Unidos.

"É condenable que unha potencia (...) asuma unha política tan agresiva e tan criminal" cara a un país pequeno, afirmou Díaz-Canel nunha inusual intervención televisada ante medios oficiais do país e algúns estranxeiros seleccionados.

Recoñeceu tamén que o país paralizou toda a súa produción enerxética con motores de diésel e fuel óleo debido á presión dos Estados Unidos. O presidente cubano asegurou que o bloqueo petroleiro vai ter consecuencias serias no país, para o que se están poñendo en marcha unha serie de medidas de emerxencia que van demandar "esforzos".

"É asfixiarnos completamente", agregou.

"Se non resistimos, que imos facer? Imos rendernos?", preguntouse Díaz-Canel.

Resaltou que o "bloqueo enerxético" dos EUA vai supoñer "afectar a transportación de alimentos, a produción de alimentos, o transporte público, o funcionamento dos hospitais, de institucións de todo tipo, das escolas, a produción da economía, o turismo,..".

Ante ese escenario, o mandatario engadiu que o seu goberno adoptou unha serie de medidas de emerxencia que retoma como referencia as "indicacións" do histórico líder cubano Fidel Castro durante o chamado Período Especial (1990-2000), pola depresión que supuxo para a illa a caída do bloque soviético.

Díaz-Canel retomou o concepto da "opción cero", o plan de supervivencia exposto nos noventa ante o escenario de "cero petróleo". Este implicaba un racionamento extremo, autosuficiencia alimentaria, o uso de tracción animal, carbón vexetal para cociñar e transporte non motorizado, entre outras medidas.

"Aínda que haxa bloqueo enerxético, nós non renunciamos a recibir combustible no noso país. Estamos a facer todas as xestións para que o país poida ter de novo ingresos de combustible ou abasto de combustible", remachou.

A operación militar estadounidense en Caracas do 3 de xaneiro, que culminou na captura do presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, e a súa esposa, Cilia Flores, significou para A Habana, ademais do golpe a un aliado rexional clave, o fin de subministración enerxética vital para a illa.

Distintos expertos estiman que dos 110.000 barrís diarios de petróleo que precisa Cuba para satisfacer as súas necesidades enerxéticas, Venezuela achegoulle en 2025 uns 30.000.

Donald Trump asinou o 29 de xaneiro unha orde presidencial que ameazaba con aranceis comerciais todos os países que fornecesen de petróleo a Cuba.

O experto cubano Jorge Piñón, especialista do Instituto de Enerxía da Universidade de Texas dixo a EFE que, de non recibir novos envíos de petróleo, Cuba estaría para marzo nunha "grave crise".

​​​"Cuba está disposta a un diálogo cos Estados Unidos"

 Díaz-Canel asegurou tamén que a illa "está disposta a un diálogo cos Estados Unidos" sobre "calquera tema", para construír unha relación entre veciños civilizada e de beneficio mutuo.

O mandatario sinalou que a illa está en disposición de falar con Washington desde unha "posición de respecto" á soberanía e á autodeterminación do país caribeño sen abordar temas que, para o Executivo da Habana, se poidan "entender como inxerencias".

"Dun diálogo como ese pódese construír unha relación de veciños civilizada", subliñou o presidente cubano.

Entre os asuntos que o Goberno cubano estaría disposto a abordar cos Estados Unidos están os "temas migratorios, de seguridade, a loita contra o narcotráfico, contra o terrorismo, ambientais (...) a colaboración científica", entre outros.

Non é a primeira vez que Díaz-Canel, no medio da escalada de tensións co país norteamericano tras a captura do presidente venezolano, Nicolás Maduro, e o bloqueo petroleiro á illa, apunta que Cuba está aberta ao diálogo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade