Os EUA anuncian un intercambio de mais de 300 prisioneiros entre Rusia e Ucraína
Steve Witkoff, enviado especial de Trump, fixo público o intercambio de 314 prisioneiros entre Kiev e Moscova e cualificou de "detalladas e produtivas" as conversacións de paz que fan posible acordo
Imaxe de Putin, no encontro cos enviados dos EUA, Steve Witkoff, Jared Kushner e Josh Gruenbaum (Anadolu/vía REUTERS)
Rusia e Ucraína chegaron a un acordo mediado polos EUA polo que ambos os bandos intercambiarán 314 prisioneiros, anunciou este xoves Steve Witkoff, o emisario da Casa Branca para a guerra de Ucraína, desde Abu Dhabi, onde teñen lugar contactos de paz entre Kiev, Washington e Moscova.
Witkoff dixo na súa conta da rede social X que se trata do primeiro troco de prisioneiros en cinco meses entre Moscova e Kiev, que xa levaron a cabo numerosos intercambios de soldados cativo e tamén de civís tras os contactos directos que mantiveron en Istambul o ano pasado.
O mediador estadounidense cualificou de "detalladas e produtivas" as conversacións de paz que fixeron posible o acordo.
"Aínda que queda traballo significativo por facer, pasos como este demostran que os contactos diplomáticos sostidos están a dar resultados tanxibles e contribúen aos esforzos para poñer fin á guerra en Ucraína", afirmou Witkoff.
O emisario e amigo persoal do presidente Donald Trump -que forma parte do equipo mediador máis amplo que participa nos contactos de Abu Dhabi- dixo así mesmo que "as conversacións continuarán" e que se esperan "progresos adicionais" nas próximas semanas.
Witkoff non especificou se as reunións, que están na súa segunda xornada, xa terminaran por este xoves.
O enviado estadounidense encomiou o "liderado" de Trump á hora de facer posible o acordo sobre os prisioneiros, e agradeceu aos Emiratos Árabes Unidos acoller esta segunda rolda de contactos trilaterais entre rusos, ucraínos e estadounidenses, que empezaron coas reunións do pasado 23 e o 24 de xaneiro tamén en Abu Dhabi.