Oficios tradicionais que permiten aforrar
O seu labor prolonga a vida útil do calzado, do mobiliario ou de utensilios de cociña
Por economía, pero tamén por ecoloxía, prolongar a vida útil dos bens de consumo non é mal negocio. Ben o sabe José Manuel Darriba, un zapateiro de Lugo, de segunda xeración, que leva xa 40 anos dedicándose ao arranxo de calzado ou de complementos.
"Hoxe hai calzado de moitos prezos, e o que non é moi económico repárase practicamente todo. Unha reparación é moito económica que comprar un par de zapatos, empezando por uns simples tacóns finiños, unhas solas, unha bota de inverno ou un calzado deportivo. Todo iso ten reparación", sinala o zapateiro José Manuel Darriba.
Outro oficio tradicional que lle proporciona á súa clientela un aforro considerable é o dos tapiceiros, e Elías Rojas, procedente de Venezuela, forma parte da oitava xeración de toda unha saga de profesionais do tapizado. Cada vez que lles cambia a tea desgastada e o recheo vencido dos coxíns a uns sofás, evita ter que mercar outros novos.
"Estanse recuperando moito agora os mobles da casa e tamén a tapicería dos coches. As persoas téñenlles moito apego ás cousas que lles legan os pais, coma o mobiliario. Por iso prefiren restauralo que tiralo, e nós estamos á orde para atender o público e darlles esa nova vida aos mobles", afirma o tapiceiro Elías Rojas.
Os coitelos, as fouces ou as machadas son os utensilios e as ferramentas que arranxa Suso López, un afiador lucense fillo e neto de ferreiros. Cada vez que afía o gume dunha folla ou cambia un mango, afórralles aos seus donos ter que tirar ao lixo algo que aínda pode durar moitos máis anos.
"Agora no tempo da matanza os coitelos dese labor son o máis demandado. Sempre veñen coitelos máis oxidados ou machetas, porque é cando a xente se acorda de arranxar as ferramentas. Fouces tamén, que son máis difíciles de afiar por que hai que afialas na moa e non todo o mundo ten na casa unha para rebaixar ben unha fouce", destaca o afiador Suso López.
O beneficio económico para a clientela destes profesionais da reparación non é escaso. Cambiarlles a sola a uns tenis ou a unhas botas de calidade pode supor un aforro de máis de cen euros. E no caso dun sofá, mesmo pode superar os mil euros, que quedan no peto dos seus donos.
"Temos gran variedade de materiais, con teas económicas e teas máis caras. Nós damos todo ese servizo e temos moita variedade de tea para todo o público. Tamén ofrecemos o cambio de escuma, con varios proveedores de ámbito nacional. Cando a escuma do asento ou da butaca se atopa en mal estado, cambiámola e dámoslle unha nova vida", explica Elías Rojas.
"Unha das reparacións máis custosas que adoitamos facer nós é o cambio íntegro do solo. Nas botas de montaña cámbiase a sola completa e son traballos de, como moito, 45 euros. Cando as botas valen 200, son reparacións que lle compensa á clientela facer", engade José Manuel Darriba.
Os seus son oficios tradicionais que se manteñen vivos grazas a que lles dan unha segunda vida aos bens que arranxan.