Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fontes públicas de auga potable, o maior tesouro das aldeas

Fontes públicas de auga potable, o maior tesouro das aldeas

Non hai unha aldea en Galicia que non conte cunha ou varias fontes, que dan auga potable de balde a veciños e transeúntes

En moitos lugares son os propios usuarios os que fan as analíticas e manteñen os mananciais para que sexan aptos para o consumo humano

G24.gal 03/10/2026 15:30

Unha auga natural, sen tratamento químico e practicamente inesgotable. Non hai recuncho no país que non conte cunha fonte pública, un tesouro a disposición dos veciños do lugar e dos transeúntes. Malia que a competencia recae nos concellos, en moitos casos son os propios usuarios quen analiza as augas e mantén as fontes en bo estado.

Os asentamentos humanos consolidáronse alí onde había un manancial de auga potable. Garantían a supervivencia. No país dos mil ríos e tamén tan rico en recursos hídricos subterráneos, cada núcleo de poboación conta con unha ou varias fontes. Gozan delas os veciños máis próximos, pero tamén os transeúntes e viaxeiros que atopan no camiño un lugar onde calmar a sede.

A competencia de facer analíticas para comprobar o estado da auga, e xa que logo permitir ou non o seu consumo, recae nos concellos. Pero en moitos casos son os propios veciños e usuarios os encargados de realizar os controis sanitarios. Son tamén os propios veciños os que en boa parte das fontes asumen os traballos de mantemento das instalacións e o saneamento do manancial.

Auga corrente non mata a xente, di o refrán. E será por iso que, aínda que non se explicite con ningún aviso se é ou non potable, moitos usuarios achéganse ás fontes con absoluta confianza. Trátase dunha auga que vén directamente da natureza, sen máis filtros que a rocha e a terra que atravesa.

É preferida por moitos fronte a outras augas coma ás das traídas, con peor sabor debido á cloración. Dos mananciais brota un recurso case inesgotable, nalgúns lugares capaz de resistir incluso períodos de seca prolongada coma sufrida este verán.

Con maior ou menor acerto arquitectónico, os usuarios foron acondicionando a contorna dos mananciais. Con esculturas máis elaboradas ou simples pedras onde colocar o cano. En moitos casos, a auga sobrante enche os píos que se usaban como lavadoiros, agora en desuso. Hai milleiros e milleiros de illós, grotos ou mananciais ao longo de todo o territorio galego.

Cómpre preservalos, porque é o maior tesouro dos pobos, de propiedade comunal, de todos en xeral e de ninguén en particular. Unha fonte de vida de incalculable valor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos