Publicador de contidos

Publicador de contidos

Oferta variada para a fin de semana: catro festas do pemento, dúas do viño e moita música

Oferta variada para a fin de semana: catro festas do pemento, dúas do viño e moita música

En Cambados catan o albariño nas casetas e en Vilamartín de Valdeorras ao fresco das covas 

Pementos para todos na Arnoia, Herbón, Mougán e Oímbra 

Romaría Viquinga en Catoira, Festa Hortera no Porto do Son  

Festival de Pardiñas en Guitiríz e actuación de Los Ilegales na Coruña, no seu 40 aniversario

G24.gal 05/08/2022 15:08 Última actualización 05/08/2022 16:10

Para os amantes da festa e do bo viño a meca esta fin de semana pode ser Cambados onde celebran todo un clásico, a edición número 70 da Festa do Albariño. Pero tamén poderían poñer rumbo a Vilamartín de Valdeorras porque volven abrir as suas ancestrais covas para degustar os viños desta denominación de orixe ourensá. 

Se lles tira máis comer que beber, o prato forte estes días é o pemento. En catro lugares ofrecen festas de degustación. Pódese empezar xa hoxe na Arnoia, seguir mañá sábado en Herbón ou Mougán e acabar o domingo en Oímbra, ou de novo na Arnoia, porque alí a festa dura tres días.

Os amantes da troula creativa teñen unha cita o venres e o sábado en Porto do Son. As perrucas, os zapatos de tacón e a roupa colorida volven con forza para volver armar a Festa Hortera. E quen prefira remontarse moito máis no tempo, o lugar indicado é Catoira. Alí reviven esta fin de semana a romaría viquinga coa clásica recreación do desembarco o domingo pola mañá.

Nas celebracións relixiosas, destaca esta fin de semana a procesión do Cristo da Vitoria en Vigo que sairá coma sempre da colexiata o domingo á tarde. Este ano recupera o percorrido pola rúa do Príncipe e terá unha parada musical no Berbés.

Os que se deixen levar pola música hai múltiples ofertas esta fin de semana. Para os clásicos, Música no Claustro en Tui, ou Festival de Arpa en Noia. Os amantes do folk, teñen cita en Guitiriz, no Festival de Pardiñas. Se prefiren música negra o refente é Sarria, co Blues no Camiño. E para os festivaleiros de sol e praia o lugar é Bueu no SonRías.

E quen queira un pouco de todo, pode tirar para A Coruña que segue de festas ata fin de mes e hoxe ofrece un concerto moi especial en María Pita: Los Ilegales, a mítica banda de rock dos oitenta fai 40 anos nos escenarios e celébrao cun novo disco, 'La lucha por la vida.'

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade