Ocupación hoteleira por riba do 85 por cento na Ribeira Sacra
Son datos normais na ponte de decembro, máis longa do habitual este ano
Son días de traballo arreo nos hoteis da Ribeira Sacra, onde a ocupación supera o 85 por cento das prazas segundo os hostaleiros lucenses.
Dende o sector mesmo confían en poder mellorar estas cifras coas reservas de última hora, malia as cancelacións que se poidan realizar en función do tempo.
David Vázquez, recepcionista dun hotel de Monforte: "Agora mesmo estamos ao 70 ou ao 80 por cento, o normal nestas datas. Os días sinalados do Nadal si que estamos cheos".
Manuel García, recepcionista do parador de Monforte: "Cancelación sempre hai algunha. Dende a pandemia parece que hai máis marxe para os viaxeiros poderen cancelar".
O patrimonio cultural, cos mosteiros románicos, e mais o natural, cos canóns do Sil á cabeza, son os principais reclamos deste xeodestino turístico. Tocante ao perfil dos hóspedes, adoitan provir sobre todo do resto da Península.
Manuel García, recepcionista do parador de Monforte: "Moito cliente de máis de 55 anos, pero tamén vemos moita xente que vén cos nenos ou en parella. É un perfil amplo".
Outro dato destacable é que os hoteis de entre tres e catro estrelas e mais as vivendas turísticas son os establecementos con maior demanda na Ribeira Sacra.