A ocupación hoteleira na ponte de maio en Galicia estivo entre o 60 e o 80 %
Ademais do turismo nacional, houbo moito visitante norteamericano, tamén do Reino Unido, Italia e Portugal
Aínda que o tempo non acompañou, o Clúster de Turismo asegura que non causou cancelacións de última hora
O sector espera colgar o cartel de completo xa con vistas ao verán
"Viñemos de Bilbao, estivemos toda a ponte en Galicia, tendo como base de operacións Santiago, visitamos moito as Rías Baixas"
"É a miña primeira vez aquí, sorprendeume, non o imaxinaba así, gustoume moito"
"Houbo moita xente, moito estranxeiro e un moi bo ambiente", din algúns dos visitantes.
Son un exemplo dos turistas que recibimos en Galicia estes días. Á espera dos datos definitivos, que se coñecerán o luns, xa co inicio de maio, a ocupación media na nosa comunidade nesta ponte festiva estivo entro o 60 e 80 %.
Ademais do turismo nacional, houbo moito visitante norteamericano, tamén do Reino Unido, Italia e Portugal.
"A aplicación SIMADA (Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento), un sistema de monitorización de reservas recentemente incorporado no Clúster de Turismo de Galicia falábanos de datos moi interesantes de reservas, que ían entre o 60 e o 80 %. Tamén nos dicía pernoctacións de tres días en base á ponte e cun 30 % de estranxeiros, predominando sobre todo o turismo norteamericano", di Jesús Picallo Santos, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.
E aínda que o tempo non acompañou demasiado, segundo o Clúster de Turismo de Galicia, iso non causou cancelacións de última hora.
Nun hotel con encanto do centro histórico de Santiago colgaron o cartel de completo nesta ponte de maio. O 80 % dos seus clientes son peregrinos.
"A xente reservou con antelación e estivemos completos todos estes días, temos moito peregrino todo o ano, está vindo moito estadounidense e hai días que xa son todo xente estranxeira", destaca Julio Fraga Landeira, xerente do hotel Entrecercas.
Se nesta ponte de maio a media de ocupación estivo entre o 60 e o 80 %, dependendo das zonas e do tipo de establecemento, de aquí en diante o sector espera colgar o cartel de completo.
