Publicador de contidos

Publicador de contidos

Occidente condena o masacre de civís na vila ucraína de Bucha

Occidente condena o masacre de civís na vila ucraína de Bucha

Kíiv cualifícao de xenocidio e pide a intervención do Tribunal Penal Internacional

Rusia nega ser responsable do masacre e fala de provocación

G24.gal 03/04/2022 20:42

Occidente condenou a matanza de civís ocorrida na localidade de Bucha e reclamou unha investigación independente para que os responsables rendan contas ante a xustiza.

O presidente Zelenski acusou a Rusia de cometer un xenocidio. Dixo que estaba exterminando a poboación por non querer someterse.

O ministro de Exteriores ucraíno pediu o envío dunha misión da Corte Penal Internacional. Dmitro Kuleba subliñou que o masacre de Bucha é a peor atrocidade do século. Asegurou ademais que non é a única vila onde se cometeron crimes de guerra. A Fiscalía ucraína anunciou que se atoparan 410 cadáveres en localidades próximas a Kíiv.

O Kremlin nega ser responsable da matanza. Alega que as tropas rusas xa saíran de Bucha o mércores e fala de provocación.

Execucións sumarias

A ONG Human Rights Watch denunciou que documentara dúas execucións sumarias e a violación dunha muller, entre outras accións contra civís, en áreas que están ou estiveron baixo control ruso.

Mentres as tropas ucraínas recuperan os espazos antes ocupados polos rusos no norte do país, estes centran as súas operacións no leste e no sur. Entre os seus últimos obxectivos, destruíron dúas refinarías, unha delas en Odesa.

Negociacións

Rusos e ucraínos retomarán este luns as negociacións telematicamente. Kíiv avanzara que estaba próxima unha reunión entre Putin e Zelenski, pero Rusia di que antes ten que haber un borrador de acordo listo e que falta moito para iso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade