Obradoiro e Básquet Coruña, na lista de favoritos da Primeira Feb de Héctor Galán
O director xeral do conxunto santiagués compareceu canda o adestrador Diego Epifanio antes de comezar os adestramentos da temporada
"Obradoiro, Básquet Coruña, Estudiantes e Palencia", segundo o director xeral e Deportivo do cadro santiagués Héctor Galán van ser os catro candidatos ao ascenso na Primeira Feb. A uns días de comezar os adestramentos compareceu Galán canda o adestrador Diego Epifanio para analizar as claves do equipo e da temporada.
Galán confesou que aínda queda unha fichaxe por facer, "a dun xogador na posición de catro". O equipo terá catro xogadores que se manteñen da temporada pasada, un boa base, e un bo número das incorporacións xa saben o que é traballar ás ordes de Epi. Huskic, Barrueta e Lundqvist chegan procedentes do Leyma Coruña e a adaptación aos sistemas do seu técnico será moi doada.
"Xa adestrei seis xogadores en diferentes etapas" asegurou Epifanio, factor decisivo á hora de realizar as contratacións. A meirande dúbida espértaa a posición de base onde Leo Westermann debe ser o xogador que marque as diferenzas pero coa incógnita polo seu estado físico. "O ano pasado en Fuenlabrada tivo moita continuidade", asegurou Galán que recoñeceu os problemas que tivo o francés na anterior etapa no cadro obradoirista.