Publicador de contidos

Publicador de contidos

Culpable de homicidio doloso a condutora que matou unha parella en Palmeira

Culpable de homicidio doloso a condutora que matou unha parella en Palmeira

Cando se produciron os feitos a muller conducía a 130 km/h e superaba amplamente o límite de alcol permitido en sangue

G24.gal 23/12/2022 14:02

Xa hai veredicto no xuízo contra a condutora ebria que en 2019 matou co seu vehículo unha parella en Palmeira, no concello de Ribeira.

O xurado popular considéraa culpable, por unanimidade, de homicidio doloso. No xuízo, celebrado esta semana, a muller pediulles perdón ás familias das vítimas e, aínda que asegurou que non lembra as circunstancias do suceso, dixo textualmente: "Oxalá morrese eu e eles estivesen vivos".

A condutora declarou que estivera bebendo pola mañá, que tomara a súa medicación e que colleu o coche para ir ver a súa médica.

A defensa mantivo no xuízo que a muller sofre unha alteración psíquica que foi agravada pola mestura de alcol e fármacos. Unha combinación que, ao seu xuízo, lle impediu comprender os feitos e a súa gravidade. 

Cando se produciron os feitos, o 4 maio de 2019conducía a 130 quilómetros por hora e superaba amplamente o límite de alcol permitido en sangue.

As vítimas, Sara Lampón e Abraham Muñiz, de 28 e 29 anos, eran naturais da Pobra do Caramiñal. Bateron frontalmente contra o coche que conducía a acusada que invadira o carril contrario na saída dunha curva. 

Durante a investigación do sinistro, un equipo de integrantes do ERAT da Garda Civil (Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico) desprazados desde Madrid realizaron unha reconstrución do accidente

Tamén durante o transcurso desas pescudas transcendeu que a acusada, que daquela tiña 45 anos, xa tivera con anterioridade outro accidente en Aguiño, onde tamén dera positivo no control de alcoholemia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade