Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuíz pide ao Congreso e ao PSOE información sobre os pagos e doazóns de Santos Cerdán

O xuíz pide ao Congreso e ao PSOE información sobre os pagos e doazóns de Santos Cerdán

O maxistrado solicita tamén datos de Koldo García, a súa exmuller e o seu irmán polos vínculos co exministro Ábalos

Cerdán, en prisión preventiva, presenta discrepancias entre os ingresos declarados e os movementos bancarios

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 04/09/2025 15:46 Última actualización 04/09/2025 15:54

O maxistrado do Tribunal Supremo Leopoldo Puente requiriu ao Congreso dos Deputados, ao PSOE, ao Parlamento de Navarra e ao concello navarro de Milagro que detallen todos os pagos realizados ao exsecretario de Organización socialista e exdeputado Santos Cerdán, así como as doazóns feitas por el ao partido.

Puente pide ademais ao PSOE información sobre os pagos, liquidacións de gastos e doazóns relacionados co asesor Koldo García, coa súa exmuller, Patricia Uriz, e co seu irmán, Joseba, polos “frecuentes vínculos” entre o seu patrimonio e o do exministro José Luis Ábalos, tamén investigado no caso Koldo.

Diferenzas cos datos da Axencia Tributaria

O xuíz, que investiga a suposta trama de comisións en contratos públicos, ordena estes requirimentos para aclarar os ingresos de Cerdán, en prisión preventiva desde o 30 de xuño, ante as discrepancias entre a información da Axencia Tributaria e os movementos bancarios. Segundo Facenda, Cerdán percibiu do Congreso 543.656 euros entre 2014 e 2024, pero nas súas contas só aparecen ingresos directos por unha parte desa cantidade. Tamén doou 32.194 euros ao PSOE, aínda que só constan saídas de 5.700 euros por este concepto.

O maxistrado reclama igualmente o detalle dos pagos recibidos de 2014 a 2015 do Parlamento de Navarra e do concello de Milagro, institucións nas que foi deputado e concelleiro.

Pagos do PSOE a Koldo García

A UCO da Garda Civil detectou dous pagamentos do PSOE a Koldo García, un en maio de 2018 por 1.435 euros e outro en setembro de 2019 por 2.542 euros.

O xuíz pide agora ao partido aclarar estes pagamentos e outras posibles operacións, tendo en conta que o asesor chegou a pagar gastos que correspondían a Ábalos, segundo admitiu despois o propio exministro.

No auto ditado este 4 de setembro, Puente dá ao PSOE un prazo de sete días naturais para responder, mentres que ás institucións solicita a información “no prazo máis breve posible”.

O obxectivo é que a UCO complete os seus informes e o maxistrado poida avanzar na causa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade