Publicador de contidos

Faise viral a denuncia dun gandeiro de Lugo sobre o prezo do leite

Faise viral a denuncia dun gandeiro de Lugo sobre o prezo do leite

O vídeo xa ten preto dun millón de visualizacións

Denuncia que o prezo do leite non cobre os altos custos de produción

Roberto ten unha explotación familiar e leva 30 anos no negocio
G24.gal 03/11/2021 14:13

Leva unhas horas circulando pola Rede e xa foi visto por preto dun millón de persoas. É o vídeo denuncia sobre o prezo do leite deste gandeiro de Lugo.

"Isto é leite e custa producilo uns 40 céntimos pero págannos 32 céntimos, estamos arruinándonos", asegura na gravación.

Roberto ten unha pequena explotación familiar. Leva no negocio 30 anos e nunca antes tivera que facerlle fronte a unha suba tan alta dos custos de produción. Di que o consumidor cada vez paga máis pola cesta da compra, pero isto non repercute no peto do produtor.

"As grandes distribuidoras", di Roberto, "están asfixiando os mercados, empregan o leite como produto reclamo e non lle queren mover o prezo o litro".

Quéixase de que un ano e medio despois de aprobar a lei da cadea alimentaria seguen sen aplicala. 

"Temos un ministro que non fixo nada e cando se viu con presión sacou a lei da cadea alimentaria, na que din que non se pode pagar por debaixo dos prezos de produción", pero, engade Roberto, "non a aplica".

Quería que a súa mensaxe: "As aldeas están quedando baleiras, non hai quen queira traballar a terra, coidar os animais, que imos comer, de que imos vivir?" chegase a toda a poboación, e por iso non o dubidou, móbil en man e coa súa explotación por escenario, gravou o vídeo que en poucas horas se fixo viral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade