Gran vitoria do Baxi Ferrol en Italia, que o achega aos cuartos de final da Eurocup (62-81)
Un parcial de 0-18 no último cuarto deixa o equipo de Lino López coa eliminatoria practicamente resolta
O desenlace será o próximo xoves 18 de decembro na Malata
Boa renda a que trae Uni Ferrol no partido de ida dos dezaseisavos de final da Eurocup tras gañar por dezanove puntos o GEAS italiano (62-81). Un último cuarto espectacular das de Lino López en ataque e en defensa deixa as galegas con pé e medio nos cuartos de final da competición continental.
O primeiro cuarto foi de dominio alterno. No intercambio de canastras, o Uni semellaba cómodo e soamente sufría en defensa ante a envergadura e a presenza na zona da norteamericana Maddison Scott. O final do período a vantaxe era local de dous tantos grazas a unha canastra case sobre a bucina de Alba Sánchez Ramos. O acerto de Samson e Millán desde o exterior fixo que equipo ferrolán abrise unha fenda de dez puntos no electrónico (24–34). Pero reaccionou o equipo local que coa inspirada Scott e as triplas de Tinara Moore e Sara Roumy deixaron a diferenza en catro puntos ó descanso (34–38).
O inicio de terceiro cuarto do Uni foi inmellorable cunha tripla de Blanca Millán e unha canastra de Erjavec que volvía a estirar o marcador a favor das galegas. Pero o desenvolvemento foi similar no segundo cuarto. Uni chegou a ter unha máxima diferenza de 11 puntos (42-53). Pero outra vez saíu á luz a competitividade do equipo de Milán, que chegou a colocarse a cinco puntos. Pero de novo Alba Sánchez Camacho na última xogada do cuarto deixaría a renda en sete puntos (53-60).
Pero o inicio do último cuarto non foi bo para os intereses das de Lino López. Un parcial de 5-0 do GEAS, cunha canastra de Scott e unha tripla de Attura deixaba o partido en dous puntos a falta de 8 minutos para o remate (58-60). Pero aí apareceu a mellor versión do equipo galego. Un parcial de 0-18 colocaba unha máxima renda de 20 puntos (58-78) a falta de pouco máis dun minuto para o remate. Catro puntos consecutivos das de Milán reducían diferenzas, pero unha tripla de Blanca Millán na última xogada do partido deixaba o definitivo 62-81 favorable ao cadro ferrolán.