O Liceo cae 5-2 ante o Igualada e o título terá que agardar
Os de Juan Copa adiantáronse 0-1 xusto antes do descanso
Arnau Xaus non aproveitou dúas faltas directas
O domingo ás 20.30, nova oportunidade para facerse co título
O título vai ter que agardar. Tal como se prevía, o partido non se pareceu aos dous primeiros da serie disputados na Coruña. O Igualada non tiña marxe. Estaba obrigado a gañar e fixo sufrir ao Liceo. Blai Roca foi o xogador máis destacado na primeira parte. Da man do seu porteiro o Liceo soubo sufrir. Tiña claro o Igualada que as súas opcións pasaban por pechar a portería. As goleadas que recibiu en Riazor deron lugar a un conxunto arlequinado máis serio atrás. Pero a falta dun minuto para o descanso Nil Cervera batía por fin a meta catalá.Puido ampliar a renda o cadro herculino no comezo da segunda metade pero Arnau Xaus non tirou proveito da falta directa. Tampouco sacou nada da superioridade numérica polo cartón azul a Llanes e xusto cando o Igualada recuperou o seu xogador chegaba o empate de Matías Pascual. E apenas un minuto despois era Miguel Cañadilas quen lle daba a volta ao tanteador. çtivo a oportunidade de empatar o Liceo con outra falta directa pero novamente o porteiro catalán lle gañou a partida a Arnau Xaus. Máis atinado estivo Biel Llanes no balón parado. A décima falta do Liceo permitiu establecer o 3-1 que poñía as cousas moi difíciles xa. Álex Cardil facía o cuarto e Joel Roma completou a manciña dun Igualada que hoxe demostrou as razóns polas que está disputando a final polo título. Nil Cervera fixo o 5-2 contra o final. O Liceo ten unha nova oportunidade este domingo ás 20.30 para conquistar o título de liga. Volverá ser no pavillón de Les Comes e coa G2 en directo.