Noite cruel para o Liceo, que perde a Liga nos penaltis ante o Igualada
Os de Juan Copa non logran o seu noveno título de liga tras empatar na prórroga (2-2) e perder co Igualada nos penaltis
Con todo, o Liceo asina unha magnífica tempada: subcampión Liga e campión de Copa para un total de 44 títulos oficiais na súa flamante historia
A Coruña viviu este martes unha noite grande dentro e fóra da pista. Mentres a cidade se preparaba para celebrar san Xoán, o Palacio dos Deportes de Riazor enchíase para o quinto e definitivo partido da final da OK Liga entre o Liceo e o Igualada.
O conxunto verde e branco chegaba á cita sen marxe de erro despois dunha eliminatoria chea de cambios de guión. O Liceo impúxose nos dous primeiros encontros disputados en Riazor, pero o Igualada reaccionou na súa pista e igualou a serie en Les Comes, obrigando a resolver o título nun último duelo na Coruña.
A final chegaba marcada pola tensión vivida no cuarto partido en Igualada, despois de que o Liceo denunciase comportamentos hostís cara á súa expedición e afeccionados desprazados.
Foi un partido intenso que comezou con nervios dos locais que aproveitaron os cataláns para adiantarse. Foi nun contragolpe levado polo Igualada que transformou Biel LLanes aos catro minutos do inicio.
Houbo poucas ocasións, pero o Liceo logrou empatar na única que tivo. Xogada rápida e intelixente en que marcou o capitán Dava Torres a cinco minutos do descanso. Cun grande ambiente e as espadas en todo o alto finalizou a primeira parte con ese 1-1.
Máis emoción na segunda parte, o Igualada volveuse adiantar cun gol temperá de Cañadillas. O Liceo nunca se descompuxo e seguiu metendo presión. A insitencia tivo premio con outro gol, este de penalti, de Dava Torres. Empate 2-2 a trece minutos do final.
Dava Torres tivo outra pena máxima, pero non marcou. Así chegamos ata a prórroga.
Non houbo goles no tempo extra. Nos penaltis os cataláns estiveron máis atinados e lograron un título que non conseguía desde 1997.
Con todo, o Liceo asina unha magnífica tempada: subcampión Liga e campión de Copa para un total de 44 títulos oficiais na súa flamante historia.
Os galegos acumulan 44 títulos oficiais, divididos en 8 Ligas 11 Copas do Rei, 3 Supercopas de España, 6 Copas de Europa , 3 Copas da CERS, 2 Recopas de Europa, 6 Supercopas de Europa e 5 Copas Intercontinentais.