Kevin perdoa e o Arenas aproveita para gañar grazas ao balón parado (2-1)
O Fabril desperdicia unha gran ocasión de lograr a vitoria e acaba caendo no campo dun rival directo pola permanencia
O Fabril desperdiciou unha gran ocasión para gañar no campo do Arenas de Getxo e acabou perdendo logo de recibiren dous goles en accións a balón parado (2-1). Con este resultado o equipo local métese de cheo na lea pola permanencia na que tamén está implicado o filial deportivista.
O encontro comezou co gol de Arnedo. O Fabril reaccionou ben, xerou boas ocasións nas botas de Kevin ou Noe e foi o de Teo o que acadou o gol do empate no minuto 35.
No segundo tempo o burgalés Kevin Sánchez gozou de dúas grandes ocasións para poñer en vantaxe o Fabril. Tamén é certo que o Arenas puido marcar nunha xogada que salvou a defensa galega baixo paus. Decidiuse todo noutra acción de bola parada con remate de cabeza de Arratíbel.