Miguel Román xa traballa en Afouteza coa ollada posta na vindeira temporada
Mancado no mes de marzo cunha rotura nunha deda, xa está recuperado e adestrarase en solitario para chegar á pretemporada ao seu mellor nivel
Miguel Román xa traballa coa ollada posta na vindeira temporada. Mancado no mes de marzo coa rotura nunha deda, o de Gondomar quere estar a tope para comezar o traballo cos seus compañeiros o vindeiro 7 de xullo. Román adestra en solitario en Afouteza deixando atrás os problemas físicos que curtaron a súa brillante progresión.
Na campaña da súa estrea en Primeira comezou cun papel secundario ata o mes de novembro. Pero o seu bo facer convenceu a Claudio que o incluiu no equipo titular na xornada 14 diante do Español e non soltou esa condición ata que se mancou. Encadeou catorce partidos seguidos, doce deles como titular, e pasou a ser un dos mellores sobre o terreo de xogo. O último partido no que puido participar foi diante do Real Madrid en Balaídos o pasado 6 de marzo.
Superou os 2.000 minutos se temos en conta todas as competicións e marcou un gol, diante do Levante no minuto 90 que lle deu a vitoria ao Celta.