Publicador de contidos

Publicador de contidos

O tribunal tailandés di que comunicará a Daniel Sancho o ditame do recurso este venres

O tribunal tailandés di que comunicará a Daniel Sancho o ditame do recurso este venres

A corte indicou, así mesmo, que a vista será a porta pechada, só para avogados e familiares

G24.gal 23/09/2026 13:59 Última actualización 23/09/2026 14:18

O Tribunal Provincial de Samui (sur de Tailandia) asegurou que este venres celebrará unha vista para comunicar o ditame da apelación a Daniel Sancho, español condenado a cadea perpetua no país asiático polo asasinato premeditado do colombiano Edwin Arrieta.

Durante a vista do 25 de setembro terá lugar a lectura do fallo "unicamente para a parte do acusado", mentres o 7 de outubro celebrarase outra na que tamén poderá participar a parte da vítima, dixeron desde o tribunal.

A corte indicou así mesmo que a vista será a porta pechada, só para avogados e familiares, mentres fontes próximas ao caso afirmaron que Sancho participará por videollamada desde o cárcere de Surat Thani (provincia á que pertence a illa de Samui), onde cumpre condena.

Mentres a defensa pediu no seu recurso repetir o xuízo ou outra vista con novas testemuñas, a familia de Arrieta solicitou que se eleve o castigo á pena capital e unha indemnización superior á fixada na sentenza de primeira instancia de agosto de 2024, de 4,42 millóns de bats (uns 117.000 euros, 133.500 dólares).

O Tribunal Provincial de Samui, encargado do caso, recibiu este mes o fallo sobre os recursos elaborado previamente polo Tribunal de Apelacións de Phuket.

Aínda que se prevé que se trate dunha única resolución sobre ambos os recursos, isto non foi confirmado polas cortes e descoñécese se o que se comunicará a Sancho o venres será a decisión íntegra sobre senllos recursos ou parte da mesma.

Segundo unha fonte próxima ao caso, a do venres será a única vista e a do 7 de outubro quedaría eliminada, algo que aínda debe confirmar a corte.

O Tribunal Provincial de Samui condenou en primeira instancia a cadea perpetua a Sancho o 29 de agosto de 2024, tras consideralo culpable do asasinato premeditado e o despezamento de Arrieta na veciña illa tailandesa de Phangan un ano antes, o 2 de agosto de 2023.

A familia de Arrieta e a defensa de Sancho presentaron os seus recursos en decembro de 2024 e marzo de 2025, respectivamente: mentres a parte do colombiano solicitou que se elevase o castigo pola "contundencia" das probas, o equipo legal do español busca eliminar a premeditación e defende que a morte se debeu a unha pelexa.

Aínda que o asasinato premeditado implica a pena de morte en Tailandia (que o país apenas aplica), a confesión inicial do acusado serviu de atenuante para rebaixar a condena, a pesar de que máis tarde Sancho dixo que foi un accidente.

Fillo e neto de famosos actores españois -Rodolfo Sancho e Sancho Gracia-, Sancho, de agora 32 anos, e Arrieta, cirurxián plástico colombiano de entón 44, coñecéronse en 2022 a través de Instagram e verse en varias ocasións en España antes de citarse en Phangan o día dos feitos.

Ambas as partes contan con ata dúas apelacións (esta primeira e outra posible ante o Supremo) ata que haxa sentenza firme, momento a partir do cal a defensa podería comezar a solicitar o traslado de Sancho a España en virtude dun convenio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade