A patronal do transporte de viaxeiros afronta a folga dos seus traballadores pedindo cambios nos contratos de explotación
A patronal do transporte de viaxeiros afronta a folga dos seus traballadores pedindo cambios nos contratos de explotación
Os sindicatos convocaron unha folga para este venres, nun paro que afectará o transporte regular, discrecional e escolar
A oferta dunha subida nos salarios dun 0,8 % é insuficiente para os traballadores
Desde a Federación Galega de Asociacións de Transporte de Viaxeiros en Autocar din que levan anos soportando as perdas e afirman que é necesario "desbloquear os contratos"
Os traballadores do sector de transporte de viaxeiros por estrada en Galicia dixeron basta ante a precariedade salarial e laboral. Tras máis de dous anos co convenio colectivo paralizado e varias reunións coa patronal en que non chegaron a ningún acordo, o vindeiro venres pararán as súas frotas. A oferta ofrecida pola patronal é dunha subida nos salarios 0,8 %, un incremento que para os traballadores é insuficiente.
A inflación e os prezos dos combustibles, sumados ás perdas durante a pandemia e á caída de viaxeiros, fan imprescindible, din dende a patronal, novas disposicións legais. Piden que actúen as administracións implicadas na situación, tanto a estatal como a autonómica, xa que cos contratos públicos pechados por 10 anos a solución é complicada.
Así o explica Carlos García Cumplido, presidente da Federación Galega de Asociacións de Transporte de Viaxeiros en Autocar -Transgacar: "As explotacións estamos soportando, sen trasladar ao consumidor, estas perdas acumuladas que fan que as empresas esteamos nunha situación insostible, nos últimos anos pecharon 44 que son un 18 % do total. A situación é moi difícil e necesita dunha decisión que permita desbloquear os contratos".
Ata 5.000 traballadores están chamados á folga, 1.500 só na provincia de Pontevedra. Avisan desde os sindicatos que, se a situación se mantén, as mobilizacións recruarán despois da Semana Santa.