Publicador de contidos

Publicador de contidos

O temporal deixa máis dun cento de incidencias este sábado en Galicia

O temporal deixa máis dun cento de incidencias este sábado en Galicia

As provincias máis afectadas foron A Coruña, con 49 incidencias rexistradas, e Pontevedra, con 48. Séguenlles Lugo, con 19, e Ourense, con 12

Dous grandes barcos tiveron que refuxiarse no porto de Vigo

O litoral da Coruña e o de Pontevedra permanecen baixo aviso laranxa por ventos

G24.gal 19/04/2025 20:25 Última actualización 19/04/2025 21:33

O temporal deixou este sábado en Galicia máis dun centenar de incidencias, aínda que ningunha de gravidade, informou o 112.

Segundo os datos recolleitos polo servizo de emerxencias, ao longo do día xestionáronse un total de 128 incidencias relacionadas co mal tempo.

As provincias máis afectadas foron A Coruña, con 49 incidencias rexistradas, e Pontevedra, con 48. Séguenlles Lugo, con 19, e Ourense, con 12.

A maioría dos avisos estiveron relacionados cos efectos do vento nas estradas, especialmente pola caída de árbores e ramas, con 61 intervencións, así como coa presenza de cables, pancartas, carteis, sinais de tráfico ou postes de luz desprazados ou caídos (19).

Tamén se levaron a cabo unha ducia de actuacións preventivas por parte dos equipos de emerxencia co obxectivo de evitar riscos maiores.

Entre as accións, destacan as relacionadas coa neve e o xeo nas estradas, onde o 112 Galicia rexistrou un total de 11 incidencias: unha na provincia de Pontevedra, seis en Lugo e catro en Ourense. Entre elas, son de salientar dúas chamadas recibidas desde Cereixedo, en Cervantes (Lugo), ao redor das 17:15 e as 18:00 horas, nas que se solicitaba axuda para varios vehículos que quedaran atrapados pola neve.

Un dos incidentes máis destacados do día produciuse en Mugardos (A Coruña), concretamente na avenida Seixo, na parroquia de Franza.

Cinco minutos antes das 14:00, un particular alertou o 112 da inundación dun garaxe, que acabou provocando a rotura dunha tubaxe de gas.

Desde o servizo solicitouse a intervención da Policía Local, do GES de Mugardos e dos Bombeiros de Ferrol.

A situación obrigou a cortar o tráfico na zona e a confinar os veciños do edificio situado fronte á vivenda afectada, mentres que os residentes do inmoble directamente prexudicado foron desaloxados de forma preventiva.

Unha vez solucionada a incidencia, as persoas puideron regresar aos seus domicilios e restableceuse a circulación con normalidade.

Balizan unha nave industrial en Ribeira

Os bombeiros do parque provincial de Ribeira tiveron que balizar unha nave industrial en Couso-Aguiño. Recibiron un aviso para retirar unhas chapas metálicas no tellado do inmoble, pero as condicións meteorolóxicas impedían empregar a escaleira automática, polo que os bombeiros optaron por balizar o perímetro e a entrada á nave.

Os bombeiros aseguran a cuberta dun edificio en Arteixo

Ademais, os bombeiros do parque provincial de Arteixo tiveron que asegurar a cuberta dun edificio na rúa Carmen Conde de Arteixo. Recibiron o aviso do 112 e da Policía Local polo risco de caída de elementos da cuberta e, tras analizar a situación, aseguraron os ferros soltos subidos no vehículo autoescada.

O litoral da Coruña e o de Pontevedra están en aviso laranxa por vento e ondas. 

A situación meteorolóxica na costa galega é complicada

O litoral da Coruña e o de Pontevedra permanecen baixo aviso laranxa por ventos de máis de 60 quilómetros por hora, con picos ocasionais de case 90, e ondas de entre cinco e sete metros, que poden chegar puntualmente a oito.

Na Mariña tamén sopra o vento, pero con algo menos de forza, e hai mar combinado, con ondas de ata cinco metros. Alí o aviso é amarelo.

Na rúa recollemos queixas tanto de autóctonos coma de foráneos, que lamentan que unha borrasca enlace con outra.

Os avisos no mar continuarán activos ata primeiras horas deste domingo.

Dúas grandes embarcacións refúxianse no peirao de Vigo

Precisamente o temporal no litoral sur galego, nas Rías Baixas, obrigou a dúas grandes embarcacións a deixar de navegar para refuxiarse no peirao de transatlánticos de Vigo. Primeiro fíxoo un cruceiro italiano, o Aidabella, con toda a súa pasaxe a bordo, e despois, sen pasaxeiros, o buque expedicionario, que irá á Antártida e ao Ártico, o Silver Endeavour. Previsiblemete os dous retomarán as súas viaxes este domingo se o estado do mar o permite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade