Trece ríos continúan en nivel laranxa por risco de desbordamento nas marxes
Chega unha nova fronte a Galicia que vai deixar refachos máximos de 80 km/h
A neve dificulta a circulación dos vehículos pesados en dúas estradas de montaña
A chuvia dos últimos días provocaron a derruba dun treito da muralla romana de Lugo
O paso da borrasca Marta deixou a súa pegada en Galicia. A chuvia e a neve provocaron afundimentos, problemas nas estradas e un incremento importante do caudal dos ríos, con trece en nivel laranxa por risco de desbordamento.
Segundo informa a Axencia Galega de Emerxencias, rexistráronse un total de 278 incidencias, a maioría por inundacións, sinistros ou dificultades na circulación.
Sen lugar a dúbidas, a máis rechamante foi o derrubamento dun treito de seis metros da muralla romana de Lugo, entre as portas do Carme e de Santiago. Ocorreu ao fío das 23:30 horas e non provocou feridos.
Ata as 7:00 horas houbo 98 accidentes de tráfico, 25 deles con persoas feridas e os servizos de emerxencia realizaron 49 intervencións por inundacións en rúas, garaxes, baixos e vivendas; 25 por neve na rede viaria; e 23 por caída de árbores.
Pontevedra foi a provincia máis afectada, con 90 incidencias, seguida da Coruña (78), Ourense (62) e Lugo (42). Os concellos que sumaron o maior número de intervencións foron Vigo, con catorce, e Santiago, con doce.
Deste xeito, finaliza unha semana marcada pola concatenación de borrascas, que implicaron para o 112 a xestión dun total de 838 incidencias relacionadas coa climatoloxía e a atención de 6.860 chamadas en catro días.
Ríos en nivel laranxa
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de inundacións en Galicia (INUNGAL) en fase de preemerxencia dende o pasado 20 de xaneiro.
Nestes intres, hai trece ríos en nivel laranxa, con niveis altos e risco de desbordamento nas marxes, polo que están a seguir de preto a súa evolución.
Na provincia da Coruña controlan o Mandeo (Coirós), o Mero (Cambre), o Barcés (Abegondo), o Tambre (Oroso) e o Sar en Bertamiráns (Ames).
Na provincia de Pontevedra vixían o Lérez (Pontevedra), o Baltar (Sanxenxo), o Miñor (Gondomar) e o Cabeiro (Redondela).
Na provincia de Ourense fan seguimento do Miño (na Peroxa e Ourense), do Avia (Ribadavia), do Limia (Bande) e do Támega (Oímbra).
O Miño ao seu paso por Ourense
Estradas afectadas pola neve
Ademais, o temporal deixou importantes nevaradas que afectaron á circulación a primeira hora en seis estradas na fronteira con Castela e León e nas zonas máis altas das provincias de Lugo e Ourense.
Segundo informa a Dirección Xeral de Tráfico, arestora só hai problemas en dúas vías nas que os camións teñen prohibido adiantar: na OU-0704, entre Cabeza de Manzaneda e Cova, e na LU-633, de Pedrafita a Queixadoiro.
Neve no Cebreiro este domingo
Aviso amarelo
Nesta xornada de transición, a chuvia volveuse persistente na franxa atlántica ao final do día, cando entrou unha nova fronte.
A partir das 18:00 horas activouse o aviso amarelo por refachos máximos superiores aos 80 quilómetros por hora en todo o litoral e por vento no mar con intervalos de forza 8.
Tamén está en nivel amarelo a Costa da Morte por ondas de ata cinco metros.