Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo confirma a multa a 3 empresas por condicionar as reservas no cámping de Ons

O Supremo confirma a multa a 3 empresas por condicionar as reservas no cámping de Ons

As empresas condenadas son Navieira Illa de Ons, Iniciativas Turísticas de Ons, e Viaxes Illa de Ons 

As tres sancións suman case 90.000 euros

G24.gal 10/05/2024 19:13

A Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo confirmou as multas impostas a tres empresas por condicionar as reservas no cámping da illa de Ons. Navieira Illa de Ons, Iniciativas Turísticas de Ons, e Viaxes Illa de Ons foron condenadas por unha infracción grave de abuso de dominio ao permitir as reservas previas no cámping da illa só aos usuarios que se trasladasen na empresa de transporte do grupo e non nas outras navieiras que ofrecían o mesmo servizo.

A Sala desestimou o recurso de casación interposto por estas tres empresas contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alto tribunal galego confirmara o acordo da Comisión Galega de Competencia o 3 de decembro de 2019 polo que se multou ás tres sociedades por esa infracción grave da normativa sobre a defensa da competencia: 46.202 euros á Navieira Illa de Ons, 21.015 euros a Viaxes Illa de Ons e 21.193 euros a Iniciativas turísticas de Ons (88.410 euros entre as tres).

A sentenza recolle que a empresa Iniciativas Turísticas de Ons xestionaba o único cámping existente na illa de Ons, en virtude dunha concesión administrativa, pola que ostentaba unha posición de dominio respecto da xestión das prazas para pernoitar na illa. As tres empresas recorrentes actuaron en común para adoptar unha "unidade de acción", xa que a pesar de que tiñan personalidade xurídica propia e diferente obxecto social actuaban como un grupo que contaba con participacións cruzadas e cunha mesma administradora única.

Así, ofrecían un produto combinado de transporte e aloxamento no cámping e fóra deste paquete combinado non se podía reservar o cámping por adiantado salvo que se contratase nas propias instalacións cando xa se estaba na illa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade