O Son do Camiño chega á súa fin, despois de tres días de boa música
O festival pecha a súa sexta edición con artistas como Estopa, Amaral, The Prodigy ou Steve Aoki
Despois de xa case tres días, achégase a fin do Son do Camiño. Os ánimos e as ganas de pasalo ben neste último día están polas nubes, pero deixa tamén un pequeno sentimento de tristura entre os asistentes.
Un dos inconvenientes deste ano foi a chuvia, que xa é unha amiga habitual do festival e fai acto de presenza practicamente todos os anos. A meirande parte dos asistentes ignoran o feito e acóllense ao dito popular galego de: “Se chove, que chova”.
Este foi o motivo polo que algún dos días o outfit estrela do festival foi o chuvasqueiro, algo que non impediu que a xente sacase as súas mellores galas a pasear.
Neste último día, o prato forte céntrase en artistas de categoría mundial, como The Prodigy, Amaral ou Estopa, estes últimos cun grande reclamo entre o público.
Steve Aoki é o encargado de pechar os escenarios centrais ás 4.00 h e Dennis Cruz vai ser quen poña o broche final, media hora máis tarde, no escenario de electrónica.