O sol e as temperaturas prolongan a temporada das terrazas
A exposición a luz solar ten beneficios para a saúde nunha poboación con carencia de vitamina D
Coa chegada da fin de semana chegará a chuvia
A 18 de setembro a imaxe do centro de Santiago ás doce do mediodía é a propia da temporada alta estival. Os últimos raios de sol do verán fai das terrazas o lugar preferido pola maioría dos clientes dos establecementos de hostalería.
"Ata sabe mellor o café". "Ao aire libre, sempre mellor".
O camiño de volta ás rutinas semella que se emprende mellor cun aperitivo ao aire libre.
"Perfecto, temos as terrazas cheas, con sol e no comezo do curso os universitarios queren festa", di o propietario dun bar.
"Iso intentamos, volver á rutina, pouco a pouco", di un mozo.
Pero é que ademais a exposición diaria ao sol durante uns quince ou trinta minutos ten beneficios para a saúde nunha poboación con carencia de vitamina D. Estudos recentes sinalan que entre un 50 e un 60 por cento dos españois teñen un nivel insuficiente.
"Eu ata me puxen de manga curta, pero vai algo de fresco".
Con estas xornadas solleiras algúns alumnos mesmo teñen a sorte de recibir as primeiras clases de Ciencias Naturais na alameda de Santiago.