O Sergas confirma o primeiro caso de varíola do mono en Galicia
Trátase dun varón residente na área sanitaria da Coruña e de Cee
Permanece illado no seu domicilio e os contactos estreitos xa están avisados

O Sergas confirmou este venres o primeiro caso positivo de varíola do mono en Galicia, que corresponde a un varón residente na área sanitaria da Coruña e de Cee, que permanece illado no seu domicilio.
Segundo comunicou o Servizo de Saúde Pública, os contactos estreitos deste positivo xa están avisados e coñecen as recomendacións pertinentes.
A confirmación deste positivo prodúcese despois de que o Sergas remitira ao Instituto de Saúde Carlos III dúas novas mostras de posibles casos de varíola do mono, aínda por confirmar. En total eran sete os casos sospeitosos que presentaban un "cadro compatible con esta infección" pero algúns xa foron desbotados.
A partir da próxima semana os técnicos do Sergas xa poderán realizar probas PCR para a confirmación diagnóstica deste virus, polo que existe unha alerta internacional desde o pasado 17 de maio.