A Ribeira Sacra agarda un cheo total os días festivos da Semana Santa
É un dos destinos máis demandados no interior de Galicia. Un lugar cunha beleza paisaxística única, que xa supera as dez mil prazas hoteleiras, e que segue gañando visitantes cada ano
As reservas avanzan a bo ritmo e nos hoteis de 3 e 4 estrelas a ocupación xa está nun 90 %
A Ribeira Sacra prepárase para unha das semanas con máis movemento do ano. A poucos días da Semana Santa, o sector turístico agarda unha alta ocupación este ano e moitos establecementos agardan colgar o cartel de completo. É un dos destinos máis demandados no interior de Galicia. Un lugar cunha beleza paisaxística única, que xa supera as dez mil prazas hoteleiras, e que segue gañando visitantes cada ano.
A chegada da primavera xa vai pintando de cores a paisaxe da Ribeira Sacra. E a poucos días da Semana Santa as reservas avanzan a bo ritmo.
"O certo é que a día de hoxe a ocupación media na totalidade dos días da Semana Santa e na totalidade dos aloxamentos sitúase nun 75%, se imos á planta hoteleira de 3 e 4 estrelas xa superan o 90% de ocupación", asegura Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
A zona que ocupa 23 concellos das provincias de Lugo e Ourense conta xa con máis de 10.000 prazas turísticas. A actividade estrela é o paseo no catamarán polos canóns, pero hai moito máis que ver e facer. Na páxina web do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra poden atopar unha ampla programación de actividades para a Semana Santa e todo o mes de abril.
A partir de agora incorpórase á temporada turística o catamarán da Deputación de Lugo polo río Miño, e que se suma xa ao percorrido polo canón do Sil, que se mantén todo o ano. O enoturismo e a paisaxe da súa viticultura heroica é outro dos atractivos desta zona de beleza única.