O sector turístico da Coruña pide a suspensión cautelar da taxa por pernoitar na cidade
Hoteis, locais hostaleiros e consignatarios de cruceiros din que non se adapta á lei autonómica
Recorren á xustiza coincidindo coa entrada en vigor da taxa turística
A Coruña é desde hoxe a primeira cidade de Galicia na que os turistas teñen que pagar por pasar a noite. A taxa oscila entre un e dous euros e medio por visitante e noite, en función da categoría do establecemento.
"Non temos turismofobia nin nos movemos nos extremos. Pero cremos que hai que buscar un equilibrio e a taxa turística busca iso", explica o tenente de alcaldesa, José Manuel Lage Tuñas.
Recursos que se destinarán a afrontar os gastos que ocasiona o turismo na cidade. Pero o sector bota contas. Di que na Coruña non hai tensión e que unha medida coma esta xa está provocando que moitos turistas desvíen as súas reservas cara a concellos da área metropolitana.
"Nunha cidade cun 60 % de ocupación non hai esa tensión que xustifica este tipo de normas. Pode facer pensar ao cliente que a cidade está saturada e non é así", xustifica Agustín Collazos, presidente de Hospeco.
Por iso piden ante a Xustiza a paralización cautelar da taxa, como xa fixeron os hostaleiros de Compostela. Cren que non cumpre a lei.
"Segundo recolle o informe elaborado pola Universidade de Santiago non cumpre a normativa da Xunta de Galicia. Teríase que ter escoitado ao sector para buscar puntos de encontro", di José Antonio Liñares, presidente da Unión Hoteleira de Compostela.
Unha falta de diálogo que non comparte o Concello de Santiago, que xa presentou as súas alegacións ante a xustiza.
"Non hai ningún motivo para que este mércores non entre en vigor ese imposto que entendemos que é o acaido para a cidadanía de Compostela", avanza a responsable de turismo de Santiago, Miriam Louzao.
Tras da Coruña e Santiago, tamén Vigo iniciou xa os trámites para o cobro da taxa turística.