Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Unión Hoteleira de Santiago recorre ante o TSXG a taxa turística

A Unión Hoteleira de Santiago recorre ante o TSXG a taxa turística

Suporalles aos viaxeiros entre 1 e 2,5 euros por noite, en función da categoría do aloxamento

O sector considera que o Concello de Santiago non acredita a necesidade concreta da taxa

O Goberno municipal defende que o imposto cumpre con todas as garantías

G24.gal 21/09/2025 21:04 Última actualización 21/09/2025 21:42

Coa entrada en vigor da taxa turística, a partir do 1 de outubro os viaxeiros que reserven en establecementos hoteleiros de Santiago terán que pagar entre un euro e dous euros e medio por noite, en función da categoría do aloxamento.

O importe máis baixo vaise pagar en albergues, cámpings ou apartamentos. E o máis alto, eses 2,5 euros por noite, terán que pagalo os que se se hospeden en hoteis de catro estrelas superior e cinco superior. 

"Non me parece moi ben, pero tereime que aguantar", opina unha turista.

"Non vou deixar de visitar unha cidade porque me poñan unha taxa de dous euros por persoa e noite. Se falamos doutra cousa pois igual si", di outra.

"Se os cartos se van destinar a ter as rúas limpas e a coidar o sitio turístico pois a verdade é que non o vexo mal", opina un turista

"Esa taxa turística xa se está cobrando en moitas cidades e non afectou o turismo, como en Barcelona ou Palma de Mallorca", di un turista.

"Agora é normal, en todas as cidades están cobrando esas taxas, en Portugal é a mesma cousa", di un turista.

A Unión Hoteleira de Santiago presentou un recurso contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a entrada en vigor da taxa, por considerar que non está xustificada legalmente.

Argumentan que o Concello non acredita a necesidade concreta deste recargo, tal como, segundo din, esixe a lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta, na que se ampara a posta en marcha da taxa turística.

O concello de Santiago respondeu a este recurso a través dun comunicado no que sinala que a ordenanza se redactou "con todas as garantías" e cun "seguimento escrupuloso" dos pasos pertinentes.

Considera, ademais, que a taxa servirá para equilibrar os custos que xera a actividade turística na cidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade