Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta negociará a redución progresiva do horario lectivo dos docentes de secundaria

A Xunta negociará a redución progresiva do horario lectivo dos docentes de secundaria

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, evita comprometer tempos exactos para pasar das 20 ás 18 horas semanais

A CIG, sindicato maioritario, que non asinou o Acordo de mellora do sistema educativo de 2023, critica o pacto por "insuficiente"

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, na xuntanza cos sindicatos ANPE, CCOO, UXT e CSIF (EFE/Lavandeira jr) Román Rodríguez, conselleiro de Educación, na xuntanza cos sindicatos ANPE, CCOO, UXT e CSIF (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 06/02/2026 13:53 Última actualización 06/02/2026 14:54

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinou este venres unha addenda, que se incorporará ao acordo alcanzado con parte dos sindicatos do sector, pola que a Xunta accede a negociar xa a redución do horario lectivo do profesorado de educación secundaria.

Rodríguez e as organizacións asinantes (Anpe, CCOO, CSIF e UXT), entre as que non está a CIG, maioritaria no sector, ofreceron esta mañá unha conferencia de prensa conxunta para trasladar os detalles do novo contido deste pacto, para cuxa aplicación o conselleiro evitou comprometer tempos exactos.

"Non se pode improvisar", declarou o conselleiro, para logo expresar que confía en que, en setembro, xa de fronte ao próximo curso, poida haber "algunha mellora neste ámbito".

A intención do Goberno galego é poder "avanzar no proceso de axuste horario" e reducir de vinte a dezaoito horas a carga lectiva semanal dos docentes de educación secundaria, en liña coas reivindicacións deste profesorado.

A Xunta e parte dos sindicatos educativos asinaron en outubro de 2023 un acordo para a mellora do sistema educativo en Galicia que establecía subas salariais, baixadas progresivas de cocientes de alumnado, reducións horarias e novas medidas para abordar a atención á diversidade nos centros.

Rodríguez volveu a referirse hoxe a este documento como un "gran pacto de renovación" da educación galega e agradeceu aos sindicatos asinantes a súa "altura de miras" e "responsabilidade" por acceder a subscribilo.

Tras o conselleiro, os representantes de cada unha das organizacións presentes este venres enxalzaron as medidas postas en marcha e o marco de negociación aberto na comisión de seguimento deste pacto e cargaron contra a decisión da CIG de non adherirse ao mesmo.

"Asinar acordos implica avanzar" 

"O que non asina non pode estar", sostivo Noelia Sánchez (CCOO), quen dixo que "asinar acordos implica avanzar" e insistiu en que este é un pacto "vivo" e "froito dun traballo arduo" que permite agora, entre outros puntos, avanzar na redución do horario lectivo dos docentes.

Pola súa banda, Julio Trashorras, presidente de Anpe en Galicia, deu por bo o cumprimento do acordo de 2023 por parte da Xunta, "salvo algún floco", e instou a "seguir avanzando" nesta liña.

Nunha liña similar pronunciáronse Cristóbal Salgueiro, de UXT, que salientou que a addenda "permite salvar este pequeno escollo" que impedía negociar a redución da carga lectiva en secundaria; e Rosa Silva, de CSIF -última organización en adherirse ao acordo- que considerou que formar parte do mesmo "é a mellor opción para negociar coa administración".

A CIG ve "escandaloso" e "insuficiente" o asinado

En declaracións posteriores a EFE, a secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, considerou "escandaloso" e "totalmente insuficiente" o pacto escenificado este venres, tanto polo seu contido como pola forma de proceder da administración e os outros sindicatos.

Arroxo reiterou que "o profesorado segue sen ver melloras" e que agora a Xunta unicamente ábrese a negociar, sen concretar os prazos, para adoptar estas medidas e sen plasmar outros avances en materia de redución horaria, cocientes ou atención á diversidade.

"A quen se está deixando de lado é ao profesorado", engadiu, crítica co intento de establecer unha canle de interlocución paralelo ao da mesa sectorial, na que a CIG dispón de maioría absoluta, con oito dos quince representantes dos traballadores.

Ademais, opinou que se a Xunta accede agora a abrir estas negociacións é "grazas ás mobilizacións" impulsadas polo seu sindicato, que convocou varias xornadas de folga durante os primeiros compases do curso escolar, as dúas últimas no mes de decembro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade