Armengol e Torres negan que contratasen a empresa da trama de máscaras durante a pandemia
A presidenta do Congreso e o ministro de Política Territorial compareceron como testemuñas polos contratos realizados cando presidían Baleares e Canarias
Víctor Ábalos nega ser "custodio" do diñeiro do seu pai
EFE/J.J. Guillén
A presidenta do Congreso, Francina Armengol, e o ministro Ángel Víctor Torres negaron que dasen ordes en favor da empresa Soluciones de Gestión -do presunto comisionista da trama do caso Koldo, Víctor de Aldama- para a compra de máscaras durante a pandemia.
Foi no xuízo que comezou este martes no Tribunal Supremo contra o exministro José Luis Ábalos, o seu exasesor Koldo García e o empresario Víctor de Aldama.
A vista arrincou coa lectura dos informes remitidos por Armengol e Torres en calidade de testemuñas presidentes das comunidades de Baleares e Canarias durante a pandemia.
Armengol: "Nunca recibín ordes ou presións para contratar cunha determinada empresa"
Armengol asegurou que "descoñecía a tramitación de calquera expediente administrativo" xa que ela "non realiza contratacións nin transmite instrucións sobre a quen hai que contratar".
"Mentres fun presidenta nunca contactei con empresas para encargar ou tramitar contratacións públicas. Inclúo a Soluciones de Gestión", explicou a presidenta do Congreso.
Polo tanto, "nunca recibín orde ou presión para efectuar compra ou contrato algún nin souben de ningún cargo que recibise ordes ou presións para que se comprase a determinados provedores".
Armengol explicou que nas primeiras semanas da pandemia, "o mercado ordinario (de máscaras) desaparecera" polo que "se aprobou o marco legal necesario para afrontar contratacións de emerxencia" e poder así "abastecer á poboación".
Foi entón, continuou, cando Koldo contactou coa administración balear ofrecendo a posibilidade de participar na compra de material sanitario liderado polo Ministerio de Transportes, aínda que ela precisou que non lembra nin ten constancia de intercambiarse mensaxes co exasesor.
"Non falei con García nin con outra persoa sobre expedientes de compras" e sobre Ábalos "nunca mantiven conversación sobre compra de material sanitario nin me ofreceu levalo a cabo", precisando que as únicas conversacións que mantivo co entón ministro referíronse o peche de portos e aeroportos.
En relación a Aldama dixo que "descoñecía o seu papel nesta causa ata que foi pública", polo que nunca falou con el.
Baleares aprobou unha compra de máscaras de Soluciones de Gestión e rexeitou unha segunda en aplicación de criterios técnicos.
Torres: "Non dei nin recibín ordes en favor da empresa de Aldama"
Pola súa banda, Torres dixo que se decatou da tramitación dos expedientes de emerxencia de compra de máscaras cando en xullo de 2020 contactoulle Koldo para trasladarlle a súa "preocupación pola falta de resposta por parte de servizo canario de Saúde á entrega de máscaras por Soluciones de Gestión".
Tras esa chamada, e "verificar que existían compromisos de cumprimento entre o servizo canario de Saúde e a mercantil", fixo un "seguimento de expedientes respectando as decisións que o servizo canario entendía máis adecuadas".
É dicir, "unicamente intervín para facer seguimento do expediente nun momento posterior á contratación, cuxas principais decisións fíxoas o servizo canario", polo tanto, "non dei ningunha orde nin formalice decisión a favor da mercantil".
Torres explicou que se realizaron dúas compras de material sanitario por 12 millóns de euros a Soluciones de Gestión, cuxos expedientes foron tramitados "con rigor técnico e administrativo, non percibíndose riscos de ilegalidade na tramitación".
Víctor Ábalos nega ser "custodio" do diñeiro do seu pai
Víctor Ábalos, o fillo do exministro de Transportes, negou este martes ser "custodio" do diñeiro do seu pai ou falar co exasesor ministerial Koldo García mediante palabras clave como "café", como sospeita a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil.
"Eu non teño diñeiro de ninguén, eu non son custodio de ninguén. Todo o que eu lle dei ao meu pai é dos meus ingresos, da miña conta bancaria, sen máis", asegurou este martes no Tribunal Supremo, onde compareceu como testemuña no xuízo pola presunta trama de máscaras en pandemia.
O fillo de Ábalos afirmou que foi "facilitando" diñeiro ao seu pai "cando o foi necesitando". Recoñeceu que lle prestou uns 20.000 euros, pero negou que exista algún pago de mil euros mensuais, "nin en man, nin por conta bancaria nin de ningún tipo", agregou.
Iso si, recoñeceu que contratou os servizos dunha empresa que administraba a súa parella e engadiu que non utilizou linguaxe nin dispositivos encriptados: "Eu non falo en clave, nin co meu pai nin con ninguén", e sostivo que as referencias ao "café" detectadas pola UCO "débense" ás súas "continuas viaxes a Colombia".
"Ao señor Koldo gústalle moito o café, pero igual que ao meu sogro, a moitas outras persoas".