Publicador de contidos

Publicador de contidos

España marca récord con 21.882.147 empregos, ao sumar 211.510, unha alza histórica en marzo

España marca récord con 21.882.147 empregos, ao sumar 211.510, unha alza histórica en marzo

Os datos oficiais da Seguridade Social mostran que en marzo se alcanzaron 22.010.532 afiliados en termos desestacionalizados (descontando o efecto do calendario), tras sumar 80.274 novos ocupados

O paro baixou un 1,2 % en Galicia en marzo e o número de afiliados roza os dous millóns

G24.gal 06/04/2026 08:57 Última actualización 06/04/2026 09:42

A Seguridade Social alcanzou unha nova marca con 21.882.147 afiliados, tras rexistrar un incremento histórico para un mes de marzo con 211.510 ocupados máis, grazas ao tirón da hostalería que sumou 79.701 traballadores coa chegada da campaña de Semana Santa.

Segundo os datos proporcionados polos Ministerios de Seguridade Social e de Traballo, en termos desestacionalizados superáronse por primeira vez os 22 millóns de afiliados (22.010.532 ocupados), ao aumentar en 80.274 no último mes.

"España ten o mellor equipo", afirma o presidente do Goberno nun vídeo en que viste unha camiseta de fútbol co número 22 ás costas. "Sodes quen levantades as persianas, quen coidades, quen ensinadas, sodes quen servides e quen emprendedes, quen empezades e quen xa levades un tempo traballando, sodes quen labrades, quen empuxades, quen levantades e construídes este país. Somos un equipo que está a facer historia", di Pedro Sánchez no vídeo.

O número de desempregados rexistrados nos servizos de emprego mantense en niveis non rexistrados desde 2008, concretamente nos 2.419.712, tras diminuír en 22.934 persoas durante marzo.

Ao detalle da evolución por sexo, o emprego avanzou máis entre as mulleres, con 115.564 afiliadas máis, ata marcar un máximo histórico de mulleres afiliadas á Seguridade Social, con 10.372.812, un 47,4 % do total.

Por sectores, xunto á hostalería, tiraron do emprego as actividades administrativas e servizos auxiliares, con 17.206 afiliados máis, e a construción, con 17.156.

O número de traballadores autónomos, pola súa banda, mantense por encima dos 3,4 millóns, con 3.429.534 traballadores por conta propia, tras sumar 14.920 en marzo.

O paro rexistrado diminuíu principalmente entre as persoas que procedían do sector servizos, en 18.852 persoas; seguidas polas 5.846 da construción e as 1.482 da industria. Con todo, aumentou en 365 persoas na agricultura e en 2.881 entre o colectivo que non traballara con anterioridade.

En canto ao desemprego dos mozos menores de 25 anos, diminuíu en marzo en 431 persoas, ata alcanzar con 188.977 parados a cifra máis baixa da serie histórica nun mes de marzo.

O número total de contratos rexistrados durante marzo foi de 1.311.070, dos que algo menos da metade (44%), uns 576.532, foron de carácter indefinido. 

O paro baixou un 1,2 % en Galicia en marzo e o número de afiliados roza os dous millóns

O paro baixou un 1,2 % en Galicia en marzo e situouse nos 114.670 desempregados, 1.388 persoas menos que o mes anterior, mentres que o número de afiliados alcanzou os 1.095.875, un 0,7 % máis (7.644 persoas) que en febreiro.

Os datos divulgados este luns polos ministerios de Traballo e Economía Social e de Inclusión, Seguridade Social e Migracións reflicten que, en comparanza con marzo de 2025, o número de parados descendeu un 3,76 %, con 4.485 desempregados menos, e o de afiliados incrementouse en 16.479 persoas (1,53 % máis).

Galicia foi a quinta comunidade autónoma onde máis se reduciu o desemprego en termos absolutos en marzo, despois de Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana e Castela e León.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade